“Galiza mellor sen touradas” acada o apoio de 23 representantes do BNG, AGE e PSdeG no Parlamento

A plataforma “Galiza, Mellor Sen Touradas” recadou o apoio de 23 parlamentarios e parlamentarias do BNG, AGE e PSdeG para reclamar unha Coruña libre de touradas. 

Manifestación contra as touradas en Pontevedra Foto: GZ Videos
photo_camera Manifestación contra as touradas en Pontevedra Foto: GZ Videos

Reclama o escrito da plataforma a supresión dos apoios municipais á feira taurina na cidade e lembra que o 75,5% da cidadanía rexeita que se destinen fondos públicos para sufragar as touradas. 

Remítense no comunicado “A Coruña mellor sen touradas” á Declaración Universal dos Dereitos do Animal ratificada pola UNESCO en 1978 que toma á súa vez parte do preámbulo da Lei 1/93 de Protección Animal de Galicia que exclúe as touradas da prohibición. 

“Resulta dunha tremenda indignidade adicar recursos e medios públicos para a celebración de espectáculos de violencia", defende o manifesto apoiado polas tres forzas políticas parlamentares. Advirten que o evento taurino "só responde a un interese economicista de certos lobbies e sectores interesados en que os festexos taurinos continúen a ser unha excepción normativa". O conxunto dos grupos parlamentares de AGE e BNG apoiaron o escrito mais parte do PsdeG-PSOE non asinou o manifesto, argumentando varios dos seus membros estaren ausentes no momento da sinatura. 

Manifestación en Pontevedra

O vindeiro 9 de agosto, ás 20 horas está convocada na praza da Peregrina de Pontevedra tamén unha mobilización co lema “A tortura non é arte nin cultura. Touradas fóra de Pontevedra”. A acción está convocada pola plataforma "Touradas fóra de Pontevedra" conta co apoio de colectivos ecoloxistas, sociais, culturais e políticos como Adega, Isca, Equo Pontevedra, Os Chichisos, Amig@s da Cultura, Vaipolorío, Associaçom Cultural Revira, Associaçom Cultural Almuinha, Galiza Nova, ACOPO, Os Palleiros, Nós-UP.

Comentarios