Galiza Ano Cero emite xa o seu programa piloto, unha entrevista co sociólogo De Sousa Santos

A entrevista do sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos é, xunto co debate piloto xa publicado na rede, un adianto do que será Galiza Ano Cero á volta do verán, cando comece a súa programación real composta de debates e entrevistas.

Boaventura de Sousa Santos co cámara Héctor Barandela. (Foto: Galiza Ano Cero)
photo_camera Boaventura de Sousa Santos co cámara Héctor Barandela. (Foto: Galiza Ano Cero)

Hora e vinteún minutos dura a entrevista con sociólogo Boaventura de Sousa Santos que Galiza Ano Cero vén de publicar na web como piloto do que será a súa programación á volta do verán. A conversa cun dos máis prestixiosos intelectuais do ámbito da lusofonía pódese ver desde hoxe como adianto ao que será un dos xéneros privilexiados desta nova televisión dixital que comezará producindo entrevistas e debates con carácter quincenal. 

Até entón, até Galiza Ano Cero se asentar na rede de maneira estábel, a equipa que promove esta iniciativa comunicativa non ten un momento de acougo. Por unha banda quedan poucos días para que remate a campaña de Verkami, a maneira que o grupo promotor escolleu para conseguir un financiamento colectivo. Aceléranse tamén as presentacións do proxecto, visandon sumar máis persoas ao grupo inicial que bota a andar a nova televisión. Unha vez realizados os actos de Vigo e A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense concéntranse nunha semana decisiva para asentar a base do proxecto. Na web provisional, que tamén mudará cando o proxecto iniciar a súa andaina, queda á vista o lema que conduce a liña editorial do medio: "Xuntas. Sen ánimo de lucro. En código aberto e baixo licenzas libres. Dende abaixo á esquerda. Outra televisión". 

Arredor da democracia

Entre tanto, quen queira saber cal vai ser a liña de Galiza Ano Cero ten xa na rede un debate e unha entrevista piloto. Por que escolleron o intelectual portugués Boaventura de Sousa Santos como primeiro entrevistado? “Era unha boa figura para mostrar como declaración de intencións. A maior parte do grupo de traballo en contidos tiñamos interese na súa produción intelectual e ademais estaba en conexión co tema do debate piloto, a reflexión arredor da democracia, un debate necesario e tamén abondo intemporal como para permanecer na rede”, comenta o xornalista Iago Martínez, un dos promotores da iniciativa audiovisual. 

No plan inicial enxergaban a elaboración e publicación na rede de dous debates e dúas entrevistas ao mes, intención que, polo de agora, se mantén, á espera da asemblea previa dos socios que se incorporaron ao proxecto. A través de verkami, 162 persoas achegaron cartos para Galiza Ano Cero nacer, unha cifra, segundo o grupo inicial, que está a superar as expectativas, en especial, nese primeiros cinco días nos que se superou o terzo dos cartos precisos. “Demostrou que o proxecto xerou ilusión e que moitas persoas tiñan vontade de se envolveren nel. Contamos non defraudar as expectativas”, comenta Iago Martínez. 

En cada unha das presentacións, o proxecto ábrese a novos públicos e novas persoas participantes. Debátese mesmo o modelo organizativo, aínda sen ultimar e pendente do deseño final de organización. “Estamos no momento de pensar dispositivos novos para novos obxectivos”, explica Martínez e, desta maneira fala dun deseño inicial en que a fórmula base é a asociación cultural, na que hai unha dirección escollida case ao chou -porque así se require formalmente- e, na realidade opera como unha asemblea xeral, que se xuntará antes do inicio real do proxecto e grupos de traballo abertos a quen queira contribuír e artellados en función dos labores precisos como realización ou contidos. Finalmente, no terceiro nivel organizativo situaríanse os usuarios e usuarias que poderán interactuar, propoñer temas ou participar no proxecto de produción da nova televisión dixital. 

Comentarios