Morre Fernando Quintela, presidente da Fundación Alexandre Bóveda

A Fundación Alexandre Bóveda despide ao seu presidente, o galeguista histórico Fernando Quintela finado no día 5 de xaneiro con 98 anos de idade. Substituíra no cargo a Manuel Beiras. 

Fernando Quintela
photo_camera Fernando Quintela

Con 98 anos finou o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, o galeguista Fernando Quintela que ocupara o cargo máximo da entidades despois da morte de Manuel Beiras. Odontólogo de profesión, Fernando Quintela manifestara desde novo a súa inmensa querencia por Galiza e o seu profundo galeguismo que o levaron despois a participar activamente nas Fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, figuras polas que sentía grande admiración. Tamén Núñez Búa ou Aquilino Iglesias formaron parte do entorno de Quintela, do galeguismo de Vilagarcía de Arousa do que participaba. 

Marcado polo golpe militar de 1936 que obrigou a ir ao exilio ao seu irmán socialista Armando, Fernando Quintela é un dos protagonistas da vaga de recuperación da memoria histórica por volta dos anos oitenta, no seu caso, de maneira especial a través do seu traballo nas Fundacións nas que desenvolveu un intenso traballo. 

"Exemplo de firmeza e consenso"

A Fundación Alexandre Bóveda a través do seu secretario e neto do galeguista, Valentín Garcia Bóveda destacou o seu “exemplo de firmeza e de consenso”. Mostrou tamén o seu convencemento de que a súa figura contribuirá á “memoria colectiva” na súa condición de “bo e xeneroso”. Boa parte do padroado despedía a Quintela tanto no tanatorio como no funeral. 

Casado coa profesora Lola Gallego, Fernando Quintela foi velado no tanatorio de Rubiáns antes do funeral que se desenvolveu na igrexa de Santa Eulalia este 6 de xaneiro. Até hai ben pouco, e malia a súa avanzada idade, Quintela continuaba asistindo a actos públicos de especial significación na recuperación da memoria histórica e, de maneira singular, de homenaxe a Alexandre Bóveda, figura histórica pola que sempre demostrou unha profunda admiración.

Comentarios