FRUGA reclama a Xunta que manteña as axudas para seguros agrarios

O incremento de seguros agrarios xunto coa redución drástica de axudas por parte do estado e a Xunta pon ás explotacións agrarias en situación aínda máis delicada, segundo a Fruga, que reclama á Xunta que manteña as axudas para a contratación. 

Agro
photo_camera Agro

Á baixada do 20% nas axudas por parte do estado súmase a anunciada pola Xunta nunha orde que chega, por outra parte, con cinco meses de retraso e que contempla unha redución de medio millón de euros con respecto ao ano 2012. Desde que o PP chegou ao goberno, a partida reduciuse en 1.300.000 euros. 

Para a Fruga, estes recortes poñan “en grave perigo a sustentabilidade de moitas explotacións agrarias galegas nun momento en que a súa situación xa é extremadamente delicada”. Sospeita, por iso, que esta situación sumada ao encarecemento dos seguros que xa supuxo un 30% menos de pólizas subscritas en 2012 signifique agora que moitas explotacións deixen de contratar seguros que significaría un incremento da súa “debilidade e exposición a maiores riscos de supervivencia”. 

Pídenlle, polo tanto á Xunta que valore as repercusións negativas que esta situación pode ter no agro galego e que recupere, como mínimo, o apoio prestado no ano 2012. Esixen tamén que a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, “que exerza como tal e que reclame ao Ministerio que revise os recortes que pretende aplicar e que prexudican ao noso sector agrario”, á maneira que o fixo o conselleiro catalán. 

Comentarios