As cooperativas non cobran e as explotacións gandeiras tampouco. A planta está a piques de botar o feche e @s traballador@s foron vítimas dun Expediente de regulación de emprego. Mais dous dos directivos de Alimentos Lácteos percibiron máis de 236.000 euros en concepto de salario aínda cando a lexislación lles impedía cobralos até que a empresa non tiver beneficios.
Perante esta situación a Federación Rural galega exixie á Xunta de Galiza que depure responsabilidades nun proxecto que "obedecía", denuncian, "a intereses partidistas" e non empresariais.
Eugenio Montero e Arcadio López, que encabezan o consello de administración de AA.LL cobraron 236.400 euros de maneira ilegal
E é que cando en 2009 estaba a piques de se fechar a operación que permitiría a 23 cooperativas galegas facerse coa planta de envasado que o grupo Pascual tiña en Outeiro de Rei, a recén constituída Xunta de Galiza --con Alberto Núñez Feijóo á fronte-- paralizou o proceso e concedeu a dous militantes a concesión: Eugenio Montero, tenente alcalde de Touro e Arcadio López, alcalde da Pastoriza.
Depurar responsabilidades políticas
Ambos os dous responsábeis políticos eran propietarios das dúas cooperativas que se farían co control da planta. Neste senso, o acordo alcanzado co executivo galego impedía a ambos os dous líderes percibir remuneración empresarial algunha até que Alimentos Lácteos obtivera beneficios económicos, porén Montero e López cobraron --de maneira ilegal-- 236. 400 euros.
A Xunta entregou á planta 9 millóns de euros públicos mais AA.LL conta hoxe cunha débeda superior a 20 millóns
No entanto, AA.LL nunca chegou a ter gaños embora fora receptora de 9 millóns de euros públicos en axudas entregadas polo daquela conselleiro de Medio Rural, Samuel Juáres --actualmente á fronte da Delegación do Goberno español na Galiza.
Desde a Federación Rural galega (Fruga) exixen que o goberno galego depure responsabilidades --a comezar por Eugenio Montero e Arcadio López-- mais tamén polo propio Juárez ao que lle exixen aclarar con que persoas se reuniu cando se adoptou a decisión de entregar a planta de Outeiro de Rei a explotacións gandeiras afíns ao Partido Popular.
Tamén así, desde a Fruga defenden que sexan devoltos os fondos públicos investidos en AALL polo "escurantismo" que caracterizou o nacemento dunha empresa a todas luces fracasada.