A Fruga exixe que se depuren responsabilidades polo cobro ilegal de salarios no consello de AALL

Dous dos directivos da planta de Outeiro de Rei cobraron máis de 236.000 euros da empresa cando esta non tiña beneficios. Alimentos Lácteos atópase en concurso de acredores e unha débeda superior aos 20 millóns de euros. 

As cooperativas non cobran e as explotacións gandeiras tampouco. A planta está a piques de botar o feche e @s traballador@s foron vítimas dun Expediente de regulación de emprego. Mais dous dos directivos de Alimentos Lácteos percibiron máis de 236.000 euros en concepto de salario aínda cando a lexislación lles impedía cobralos até que a empresa non tiver beneficios. 

Perante esta situación a Federación Rural galega exixie á Xunta de Galiza que depure responsabilidades nun proxecto que "obedecía", denuncian, "a intereses partidistas" e non empresariais.

Eugenio Montero e Arcadio López, que encabezan o consello de administración de AA.LL cobraron 236.400 euros de maneira ilegal

E é que cando en 2009 estaba a piques de se fechar a operación que permitiría a 23 cooperativas galegas facerse coa planta de envasado que o grupo Pascual tiña en Outeiro de Rei, a recén constituída Xunta de Galiza --con Alberto Núñez Feijóo á fronte-- paralizou o proceso e concedeu a dous militantes a concesión: Eugenio Montero, tenente alcalde de Touro e Arcadio López, alcalde da Pastoriza. 

Depurar responsabilidades políticas

Ambos os dous responsábeis políticos eran propietarios das dúas cooperativas que se farían co control da planta. Neste senso, o acordo alcanzado co executivo galego impedía a ambos os dous líderes percibir remuneración empresarial algunha até que Alimentos Lácteos obtivera beneficios económicos, porén Montero e López cobraron --de maneira ilegal-- 236. 400 euros.

A Xunta entregou á planta 9 millóns de euros públicos mais AA.LL conta hoxe cunha débeda superior a 20 millóns

No entanto, AA.LL nunca chegou a ter gaños embora fora receptora de 9 millóns de euros públicos en axudas entregadas polo daquela conselleiro de Medio Rural, Samuel Juáres --actualmente á fronte da Delegación do Goberno español na Galiza. 

Desde a Federación Rural galega (Fruga) exixen que o goberno galego depure responsabilidades --a comezar por Eugenio Montero e Arcadio López-- mais tamén polo propio Juárez ao que lle exixen aclarar con que persoas se reuniu cando se adoptou a decisión de entregar a planta de Outeiro de Rei a explotacións gandeiras afíns ao Partido Popular. 

Tamén así, desde a Fruga defenden que sexan devoltos os fondos públicos investidos en AALL polo "escurantismo" que caracterizou o nacemento dunha empresa a todas luces fracasada. 

Comentarios