Fruga denuncia os sacrificios "inxustificados" producidos após o saneamento animal

A organización agraria exixe medidas urxentes á Xunta para frear o notábel aumento de sacrificios por suposta tuberculose que, "no 95% dos casos" resultas negativos após a morte do animal. 

Ao longo das últimas semanas estanse a desenvolver as probas de saneamento animal que anualmente a Xunta programa para a detección nas explotacións de posíbeis enfermidades contaxiosas, nomeadamente a tuberculose. 

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) denuncian que se están a producir numerosos "sacrificios inxustificados" de reses por mor dunha proba que, se ben inicialmente dá positivo, "no 95% dos casos" é anulada por unha análise posterior á morte do animal. 

A Fruga denuncia que o 95% dos positivos se tornan erróneos nunha segunda proba e reclama novos métodos de control que outorguen maiores garantías

Neste senso, máis de 1.000 explotacións gandeiras asinaron a campaña promovida pola organización agraria en demanda de "medidas" urxentes ao goberno galego pois, din, "mesmo en granxas onde nunca antes tiveran un positivo" están a producirse sacrificios que finalmente son demostrados erróneos. 

Tanto a Fruga como @s gandeir@s amosaron a súa preocupación na entrega de sinaturas, que tivo lugar no Esdifico Multiusos da Xunta en Lugo, pois "isto supón que toda a explotación fique inmobilizada". Porén, acrecentan desde a Fruga, "comprendemos que no caso de se detectar unha enfermidade" contaxioda "o mellor para todos" é sacrificar a res. 

Así as cousas, instan o goberno galego e, no concreto, a Consellaría de Medio Rural a "evitar o sacrificio obrigatorio de animais sans" e a explicar "a que se debe este aumento de positivos" na proba preliminar. Asemade, reclaman o desenvolvemento de novos "métodos de control e erradicación" deste tipo de doenzas que ofrezan maiores garantías @s titulares das explotacións á fin de apoiar a un sector, o agrogandeiro, que representa o 60% da produción agraria galega. 

Comentarios