A Fruga analizará esta fin de semana o desmantelamento dos servizos sociais no rural galego

A organización agraria revisará nunhas xornadas de traballo as causas e consecuencias da desaparición destes servizos públicos. O encontro terá lugar na Pobra do Brollón o 29 e 30 de marzo

fruga

A Federación Rural Galega organiza esta fin de semana unhas xornadas de traballo na Pobra do Brollón. A organización agraria analizará en dous días o abandono dos servizos sociais no rural a partir "de experiencias reais concretas" que visan, explica Emilio López 'Milucho' reflexionar sobre as consecuencias do seu desmantelamento mais, tamén, achegar alternativas. 

As xornadas toman o relevo das organizadas "alá polos anos 80 polo nacionalismo agrario" e que "desde o prisma da alternativa nacionalista" se debruzaban sobre "ordenación agraria, a alimentación animal, a produción de forraxes ou a gandaría intensiva". En 2009 e após anos en que non se organizaban, a Fruga retomou estes espazos en Melide que foron pasando por diversos concellos do país até chegaren, nesta ocasión, á Pobra do Brollón os 29 e 30 de marzo. Un municipio da comarca do Val de Lemos que reflicte á perfección a problemática do avellentamento poboacional e a crise demográfica que atinxe Galiza. 

Avellentamento poboacional e crise demográfica

"Na Pobra de Brollón nace unha crianza cada 3 anos", explica Emilio López, unha das razóns que levaron a Fruga a elixir este territorio como emprazamento para as xornadas. Perante esta realidade social que constitúe "un fenómeno propio" no noso país, a organización agraria revisará que supón para Galiza "ter convertido o rural nun xeriátrico". E é, acrecenta 'Milucho' que no noso país se dá unha particularidade extrema como que "unha persoa xubilada estea atendendo a outra" ou, mesmo, que "persoas emigradas volvan para casa para atenderen unha dependente". 

Para alén disto, denuncian desde a Fruga, o "ensaio de xenocidio" que practica a Xunta de Galiza a respeito da privatización e desmantelamento dos servizos sociais, urxe mudanzas que revertan a realidade actual do medio rural galego. 

"O desmantelamento dos servizos sociais no rural é un ensaio de xenocidio"

Así pois, a Federación Rural Galega analizará a partir da experiencia colleitada por tres profesionais "a responsabilidade das administracións públicas" no artellamento dunha rede de servizos públicos de axuda a persoas idosas, mais tamén, a "experiencia singular" desenvolvida na Montaña de Lugo "durante o goberno do BNG en Benestar".

Rachar co tópico de que ninguén quer quedar no rural

Un proxecto implementado principalmente "no Concello de Cervantes" en que "unha equipa" levou a cabo "un programa de atención a domicilio" para persoas maiores que "se ben non eran dependentes precisaban axuda" nalgúns aspectos da súa vida cotiá. "Este proxecto permitía que se mantivesen no seu medio" e "non era moi costosa", indica Emilio López. Porén, a chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza en 2009 arrasou con ela. "Este goberno non recoñece nada que non pase polo diñeiro". 

"Este goberno non recoñece nada que non pase polo diñeiro"

Xunto a estas mesas de traballo a Fruga proxectará tamén unha peza audiovisual que analiza "a vida de tres xeracións distintas" a partir de entrevistas persoais. "A idea é racharmos con ese tópico de que a xente non quere estar no rural" e focaren a atención en que "son expulsados" pola falla de oportunidades e servizos. 

O obxectivo das xornadas será elaboraren un resumo a modo de conclusións que posteriormente serán publicadas pola Fruga e presentadas á Xunta de Galiza como alternativa á situación actual que atravesa o medio rural galego. 

Comentarios