Froxán acolle en agosto a II Festa da Revolta para reivindicar o Parque natural do Courel

Fonte do Milagro, SOS Courel e Redenasa organizan o evento, que terá lugar o 10 e 11 de agosto
Froxán
photo_camera Froxán

O Courel volverá, este 11 de agosto, a erguer a voz para reclamar respecto e dignidade, por boca da súa veciñanza e de moitas persoas amantes deste espazo único do país, que se suman á reivindicación do Parque natural. A II Festa da Revolta decorrerá en Froxán e no programa figuran unha manchea de actos, desde roteiros combinados con intervencións artísticas, até concertos, proxeccións de documentais, faladoiros e mesmo emisións de radio en directo.

A organización fan un chamamento a toda a cidadanía da Galiza para formar parte desta festa da Revolta: "Queremos convidar a todos e todas as cidadás a unha xornada festiva de loita que terá lugar o vindeiro 11 de agosto en Froxán, con diversas actividades artísticas e ecolóxicas, onde diversos e diversas artistas do país pasarán revista en clave cómica retranqueira á situación en que se atopa a Serra perante a cobiza e a comenencia duns poucos e a complicidade doutros tantos. Trátase tamén de crear un nó de atención cultural fóra dos circuítos habituais, modificar o mapa de festivais, optar por un traballo de colaboración entre a veciñanza e axentes culturais. Pois xa que o poder político, baixo calquera das súas aparencias, non parece aprestarse a servir ao ben común e cumprir coas súas obrigas como garante do noso patrimonio natural e cultural, só aos cidadáns e cidadás nos cómpre erguer defensas e loitar pola súa preservación coas armas que nos son dadas: o humor e a intelixencia"

Un avanzo do programa, aínda provisional, está dispoñíbel aquí.

Comentarios