O Polisario, satisfeito pola visita da misión galega, acosada por Marrocos

O Frente Polisario mostrou a súa satisfacción pola presenza da delegación do Parlamento Galego que viaxou esta sexta feira até El Aaiún. A delegación galega está a sofrer un férreo control, con rexistros e seguimentos. Trátase da primeira vez que unha delegación tan ampla consegue entrar nos territorios ocupados. 

.
photo_camera .

Por vez primeira, unha delegación tan ampla -composta por 9 persoas, 4 representantes do Parlamento e 5 membros de asociacións de solidariedade- consegue entrar en El Aaiún o que, para o Frente Polisario supón un logro na súa loita e na liña de dar a coñecer a situación do pobo sahariano. 

A delegación galega mantivo xa reunións coa Asociación de Vitimas Graves da Violencia de Dereitos Humanos cometidos por Marrocos, ASVGH, na casa do presidente Brahim Dahan, xa que ao se tratar dunha organización non legalizada non poden ter sedes propias. Na xuntanza coa delegación galega participaron persoas “desaparecidas”, algunha delas secuestradas durante máis de quince anos polo rexime marroquino. Segundo informa a deputada Montse Prado (BNG), participante na delegación, solicitáronlles que transmitiran “ao mundo o sufrimento dun pobo baixo a ocupación”. 

A seguir, o grupo galego reuniuse coa  Asociación de Discapacitados Saharauis (IBSAR AL JEIR), que están a iniciar a súa actividade en circunstancias moi precarias, xa que a súa proximidade ao Fronte Polisario fai que non teñan acceso a ningún tipo de axuda do rexime. 

Control continuado 

Constantes seguimentos e rexistros é a tónica da visita da delegación galega desde a súa chegada ao aeroporto de El Aaiún, lugar na que foi conducida a unha sala onde o alcalde da cidade advertiulles que tiñan que “comportarse ben”. Forzas policiais marroquinas vixían a delegación galega as vintecatro horas do día e mesmo, á volta das xuntanzas, os membros da delegación galega comprobaron que os seus cuartos foran rexistrados. 

Este sábado manterán xuntanzas coa activista saharaui Aminatour Haidar e mañá domingo vanse entrevistar con Minurso, Misión das Nacións Unidadas para o Referendo no Sáhara Occidental, que decidirá nas vindeiras semanas se se manteñen no Sáhara Occidental. 

A delegación interparlamentar galega está conformada por representantes das catro forzas da Cámara: Montse Prado (BNG), Xabier Ron (AGE), Carmen Gallego (PSdeG-PSOE) e Gonzalo Trenor do Partido Popular. Tamén así por integrantes da asociación Solidariedade galega co pobo sahariano. Buscan contribuír á campaña de solidariedade para facer respectar o dereito de autodeterminación do pobo sahariano.

Comentarios