Fomento comezou a implementar en 2006 o sistema de freado ERTMS, mais non o fixo no tramo do sinistro

Na curva da Grandeira, o tramo onde se produciu o sinistro, a 4 quilómetros da chegada a Compostela, o sistema ERTMS que tería freado o comboio que viña de Ourense deixa de estar operativo, malia que a liña segue a ser de alta velocidade. Porén, o Goberno español ten implementado este dispositivo noutras liñas, como as de cercanías de Madrid

photo_camera [Imaxe da compañeira Olalla Rodil]


O 19 de maio de 2006 comezaban a circular no Estado español as primeiras liñas de alta velocidade equipadas co sistema de seguridade ERTMS, recomendado pola Unión Europea xustamente desde ese mesmo ano. O Estado español aparece na listaxe de pioneiros na súa implementación e o sindicato de maquinistas mostrou xa o seu convencemento de que este sistema "tería evitado a traxedia".

O mencionado sistema componse doutros dous: o GSM-R que permite a comunicación por radio cos comboios; e un segundo, o ETCS, que tería evitado o sinistro de Angrois ao non lle permitir rebasar a velocidade máxima, os 80km/h, no tramo sinistrado.

Porén, malia estar implementado ao longo do trazado, a catro quilómetros da estación de Compostela desaparece. Con todo, o ministerio de Fomento ten implementado este sistema, alén de varias liñas onde funciona a alta velocidade, nas liñas de cercanías de Madrid. 

O secretario de Estado de Infraestructuras do Ministerio de Fomento, Rafael Catalá, confirmou en declaracións á Cadena Ser que a catro quilómetros da chegada de Santiago as vías deixaban de ter instalado o sistema para pasar a un método máis antigo que non provocaba o freado diante do exceso de velocidade do comboio.

Comentarios