A fiscalía pide máis 8 anos de prisión para o independentista Eduardo Vigo por ''confección de explosivos con finalidade terrorista''

De o acharen culpábel, a pena viría sumarse aos 18 anos de cárcere e 9 de liberdade vixiada que lle impuxo a Audiencia Nacional española após o xulgamento decorrido en Madrid entre o 24 e o 27 de xuño. Cómpre salientar que a sentenza condenatoria non é firme aínda.

Eduardo Vigo
photo_camera Eduardo Vigo nunha imaxe de arquivo [SG]


Só unhas semanas despois de se coñecer a sentenza da Audiencia Nacional española que condena ao independentista Eduardo Vigo a un total de 18 anos de cárcere --oito anos por "participación en organización terrorista", outros oito por "tenza de explosivos con fins terroristas" e dous por "falsificación de documento oficial"--, o compostelán volverá sentar esta cuarta feira no banco d@s acusad@s do tribunal español, desta volta acusado dun delito de "confección de explosivos con finalidade terrorista".

Así as cousas, os feitos que se lle imputan terían acontecido en 2007. Segundo o escrito da acusación, a fiscalía considera probado que foi Vigo quen fabricou o artefacto explosivo achado nun carro en que viaxaba o seu irmán, Santiago Vigo e José Manuel Sánchez Gorgas, ambos os dous detidos pola garda civil cando se dispuñan a colocar o artefacto na caseta de información dunha inmobiliaria en Porto do Son. Foron xulgados e condenados a catro anos de cárcere, ficando ceibos en decembro de 2012. 

A proba achegada pola fiscalía, as pegadas atopadas no devandito artefacto e que atribúen a Eduardo Vigo, non é elemento suficiente para demostrar a súa participación nos feitos, segundo o avogado da defensa, Manuel Chao, quen pide a súa libre absolución. "Non hai máis elementos probatorios que o feito de ser Eduardo irmán dun dos imputados", recalca Chao en conversa con Sermos Galiza.

A respeito do peso que terá a sentenza en que por vez primeira se dá por probada a existencia dunha organización terrorista na Galiza chamada Resistencia Galega, o avogado enfatizou que "non debera ter ningún" na medida en que a resolución non é firme. Porén, recoñeceu que "é probábel que o fiscal se aproveite dela", se ben desta volta "non se vai debater se hai ou non hai organización armada".

En prisión e submetido á dispersión desde 2010

Eduardo Vigo foi detido a finais de novembro de 2010 na autopista AP-9 en dirección a Compostela. A policía española incautouse dunha mochila que levaba no carro e que contería tamén un artefacto explosivo. Durante o xuízo, decorrido na Audiencia Nacional española entre o 24 e o 27 de xuño, tanto Vigo como o outro imputado por estes feitos, Roberto R. Fialhega, negaron ter coñecemento do que había na mochila.

Porén, os dous foron condenados a 18 anos de prisión polos delitos antes sinalados. Canda eles foron condenad@s tamén María Osório e Antom Santos, a 10 anos de cadea ao non lles imputar o delito de "tenza de explosivos". A sentenza, que non é firme e será recorrida perante o Tribunal Supremo e o Tribunal de Estrasburgo, imponlles tamén un total de 36 anos de liberdade vixiada. 

Comentarios