A Fiscalía arquiva a denuncia da CIG de falsificación de sinaturas policiais para acusar sindicalistas

Co arquivo da denuncia, a Fiscalía rexeita investigar a acusación presentada pola CIG na que se reclamaba a investigación sobre a posíbel falsificación e sinaturas de axentes co obxectivo de sancionar a sindicalistas. 

A Fiscalía de Pontevedra arquiva a denuncia que presentara a CIG pola que se reclamaba a investigación da posíbel falsificación de sinaturas de axentes co fin de sancionar aos sindicalistas. Segundo a central nacionalista, a Fiscalía demostra ter “dúas varas de medir, segundo quen vaian as denuncias”. Unha peritaxe caligráfica confirmara no seu momento que as sinaturas da denuncia aos sindicalistas non se correspondían coas da ratificación. 

O Secretario Comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, defendeu perante a Fiscalía que o feito denunciado tiña unha clara intencionalidade política, a única razón, ao seu ver, que pode explicar que un funcionario se atrevese a falsificar unha sinatura co fin de ratificar a sanción aos sindicalistas. O arquivo do expediente vén tres días despois da declaración. O Secretario Comarcal da CIG non dubidou en explicar os feitos dentro da campaña de “persecución ao movemento obreiro”. 

“O grave disto é que a Fiscalía demostra que ten dúas varas de medir, por unha banda solicitan e apoian condenas a sindicalistas, pero cando se trata de feitos escandalosos e recoñecidos en sentenza como ‘posíbel delito de falsidade documental en documento público’, decide non investigar”, sinalou Marcos Conde despois de coñecer a noticia do arquivo da denuncia. Mostrou Conde a súa crítica por non investigar accións que levan a promover “un sistema corrupto” no que é posíbel que queden impunes accións como as denunciadas. A CIG está a estudar a posibilidade de presentar denuncia polo penal. 


Os feitos denunciados producíronse despois dunha concentración desenvolvida en Pontevedra en 2012 contra o rescate á banca no que se presentaran denuncias de disturbios. Foi o avogado da CIG o que se decatou de que as sinaturas da denuncia non coincidían cos da súa ratificación. A sospeita foi confirmada despois por unha peritaxe caligráfica o que levou a que as sancións decaesen.

Comentarios