En só un ano marcharon de Galiza un de cada dez estranxeiros con residencia

Colombianos, peruanos e arxentinos encabezan a porcentaxe de grupos que abandonan o país, unha decisión en nada allea á crise económica. 

Emigración

Un total de 98.245 persoas de nacionalidade estranxeira ten fixada a súa residencia en Galiza, unha cifra que supón o 3,6% do total da poboación de Galiza. O 40,6% dos estranxeiros residentes no país pertencen á Unión Europea. Dentro destes, os grupos máis numerosos son o dos portugueses (18.694) e dos romaneses (9.200). Entre os estranxeiros extra-comunitarios, os cidadáns de América do Sur suman 29.565 persoas. Destacan os grupos de brasileiros (8.189) e colombianos (5.676).

Mais un dato a destacar é que entre 2013 e 2014 marcharon de Galiza o 10,7% dos estranxeiros con residencia no noso país, unha marcha na que a crise foi o factor determinante. Esa porcentaxe supón máis de un por cada dez.

Doutros países de Europa e de América do sur compoñen o groso dos inmigrantes con residencia en Galiza

E abandonaron o país de todas as nacionalidades, principalmente colombianos (un 22% menos, o que supón que marchou case 1 de cada catro), peruanos (marchou un de cada cinco dos que residían en Galiza), arxentinos (un 17% menos residen aquí en comparación con 12 meses antes) e venezuelanos (-13,5%).

Os dominicanos residentes en Galiza baixaron un 14% en só un ano, uruguaios un 15,7% e brasileiros un 13%. Só houbo unha nacionalidade que nese período aumentou en número de residentes en Galiza a respecto do ano anterior: os chineses, un 0,4% máis.

Comentarios