O Festigal revalida premio 

Era o primeira edición despois de ter gañado o Premio Galego da Música como mellor festival e conseguiu revalidar o suceso. Mais Festigal é moito máis que un programa de concertos ao vivo, é escaparate de cultura, é lugar de encontro, é galería de organizacións e moitas máis cousas, nunha carballeira que rebenta de entusiasmo e festa arredor do 25X. 

festigal
photo_camera festigal

Era esta nova edición do Festigal a mellor maneira de conmemorar o Premio Organistrum Festigal que recibiu na II Gala dos Premios Martín Códax da Música Galega, o que mostraba o recoñecemento que o encontro musical creado arredor do Día da Patria Galega acadou nos seus anos de existencia. Radica niso unha das claves do Festigal, nas súas dúas noites de enérxicos concertos que se converteron tamén en acaído escaparate para a nosa música e que congregaron nestes dous días propostas como Caxade, Habelas Hailas, Carapaus, Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Ibuprofeno Teatro, Superoito, Habelas Hainas ou  Maianas, o grupo gañador do concurso “Novos Valores”. 

Se o abano musical mostraba a potencia do Festigal na súa programación de concertos, o conxunto dos espazos construían un mundo no que a xornada se alongaba e era posíbel atopar persoas de todas partes do país e mesmo algunhas que viñan de fora a esta cita obrigada no calendario anual. En especial no serán do propio 25, as persoas parecían multiplicarse por esa urbe que marca o plano do Festigal.  Os postos de artesanía, os espazos das organizacións, as librarías ou todas as posibilidades de gastronomía rexistraban a axitación da tarde, na que as conversas e os encontros ralentizaban os paseos polo rueiro deseñado no festival. 

“O Manuel María sempre viña, non faltaba nunca. Teño moitas lembranzas con el, ao longo de moitos anos nesta carballeira", sinala Xosé Lois García

Animado estivo tamén o espazo infantil no que se deu conta da riqueza da produción cultural para as crianzas, con propostas como a de Paco Nogueiras, Títeres Viravolta, Magín Blanco ou a primeira presentación do proxecto “Alegría” de Sergio Tanus. A rebentar estivo case en todas as súas propostas a galería de libros e ideas con espazos de especial atención como o debate “Cambio político e dereito a decidir” presentado por Xabier Macías con Néstor Rego, polo BNG, Maite Ubiria, de EH-Bildu e Nora Miralles das CUP. Tamén o encontro “De Europa a Palestina, de Galiza a Gaza, pola soberanía dos Pobos. O caso da Flotilla da Liberdade presentado por Moncho Iglesias coa participación de  de Paula Fernández Blanco, representante de BDS Galiza; Sami Ashour, da Asociación Galaico Árabe Jenin; e Ana Miranda, secretaria de Política internacional do BNG e participante na III Flotilla da Liberdade, foi un momento de especial atención nunha tarde na que parece que hai xente e tempo para todo, desde a reflexión e o debate até a festa e o reencontro con persoas que, moitas veces, só é posíbel atopar nun 25 de Xulio. 

A memoria de tantos anos festigal2

Tamén , como todas xornadas sinaladas, a da lembranza das persoas que pasaron pola carballeira e xa non están. Desta volta, a figura de Manuel María foi especialmente evocada, no acto no que se presentaron os novos libros da Fundación, na mesa na que membros da entidade, case sempre acompañados da presidenta Saleta Goi, e na memoria de tantas persoas que compartiron canda el unha data da que era fiel participante. 

“O Manuel sempre viña, non faltaba nunca. Teño moitas lembranzas con el nesta carballeira ao longo dos anos. Mesmo a min me cadrou estar con el na primeira misa a Rosalía, na que falou Otero Pedraio e estaban tanto Manuel María como Uxío Novoneyra e da que se cumpren agora cincuenta anos”, sinala Xosé Lois García, amigo do escritor de Outeiro de Rei e especialmente contento neste caso despois de que se soubera que a RAG lle dedicaría o Día das Letras Galegas. 

"Eu é a segunda vez que quedo a durmir. A verdade é que se pasa moi ben. Coñeces xente de moitas partes de Galiza e iso é moi interesante”, comenta Amara

Xosé Lois García é dos que vén todos os anos e comparte con xente dunha e outra comarca. Desde Barcelona, sempre procurou estar en Compostela o 25 e xullo, data de falar e estreitar amizade ademais de sentir o pulso de cada tempo político. Falou nalgunha ocasión? “Só fai dous anos que non houbo nada na carballeira polo de Angrois”, responde García desde a Carballeira de San Lourenzo, ao pé da galería de libros na que consulta novidades e atopa outras persoas do mundo das letras do que participa. Para el, o 25 de xullo é “un día completo que non ten a ver con outras celebracións senón que é a gran concentración cívica. Con esta conmemoración móstrase unha postura de dignidade fronte a moitos ataques que sofremos como país colonizado, cada vez máis intervido polos poderes”, explica. 

A mocidade, coas mans na festa

Mais, certamente, o Festigal non podería ser posíbel sen a mocidade, sen ducias de mozas e mozos que xestionan a organización, que fan quendas nas barras, nos servizos de ordes ou coas entradas, que colaboran na produción, idean propostas e son quen de que todo funcione nun proxecto que só se explica como traballo colectivo. De 21 horas a 1.30 da mañá foi a quenda de Amara Garcia vendendo tickets de Festigal. Xa durmiu no campamento, no pavillón habilitado que compartiu con moit@s compañeir@s que dedicaron os dous días íntegros á festa nacionalista, colaborando na organización máis tamén pasándoo ben, nunha experiencia na que, como se pode comprobar, sempre recuncan. “Eu é a segunda vez que quedo a durmir. A verdade é que se pasa moi ben. Coñeces xente de moitas partes de Galiza e iso é moi interesante”, comenta Amara que lembra vir desde moi pequena a Compostela no 25 de xullo cos seus pais con non moito gusto mais logo foi ela a que pasou a vir pola súa conta, atopándose cun espazo que xa non tiña a ver con aquel outro que lembraba de cativa. 

Porque o Festigal mudou tamén a conmemoración e aquela romaría popular na carballeira, que tamén continúa a se vivir, pasou a ter un amplo e atractivo programa de actividades, un proxecto dinámico e que responde a intereses variados e unha cita na que participan cada ano milleiros de persoas.  Á carballeira xa non se vai só a falar, festexar e xantar. Agora hai moito que facer, moito que ver e coñecer e tamén moitas propostas nas que participar. Quen leva anos asistindo ao 25X pode confirmar o cambio. Como Marie Jo Menev que, co seu compañeiro Michel, levan trinta anos vindo desde a súa Bretaña Francesa para participar na conmemoración, compartindo tamén o seu espírito nacionalista. Por que veñen cada ano? “Porque amo Galiza”, sinala Marie Jo, reposta á que, con certeza, se sumaría a meirande parte das persoas asistentes ao Festigal. 

Comentarios