Ferrol queda sen socorristas nos días máis calorosos do verán

Dúas rapazas foron rescatadas en Doniños por un grupo de surfistas.

Doniños
photo_camera Praia de Doniños, Ferrol

A rápida intervención dun grupo de surfistas que estaban entrando no mar da praia de Doniños, a máis concorrida do litoral ferrolán, evitou que a forte corrente de onte provocase unha desgraza que finalmente quedou só nun susto.

O incidente produciuse no primeiro día sen servizo de salvamento e socorrismo, que, como vén acontecendo desde que o Partido Popular goberna na cidade, se estende unicamente durante dous meses, xullo e agosto, incumprindo así a propia ordenanza municipal que regula o uso e disfrute das praias locais. Nesta normativa, aprobada no mandato anterior, establécese que a tempada de baño abranguerá desde o primeiro de xuño até o 15 de setembro e que nela, e co obxectivo de garantir a seguridade dos usuarios, deberá haber sempre un servizo de salvamento.

O incidente produciuse no primeiro día sen servizo de salvamento e socorrismo que o PP limita a dous meses

Nin sequera as previsións meteorolóxicas da última semana para estes días propiciou a reacción do grupo de goberno local e do edil delegado de Seguridade, que preferiron aforrar non máis de dez mil euros a prorrogar o servizo de socorrismo, máis necesario ca nas últimas semanas pola forte ondaxe. Aliás, nin sequera existe un só recurso que informe aos bañistas, nin locais nin tampouco os moitos estranxeiros que acoden ao areal ferrolán, dos riscos en determinadas circunstancias nin das zonas máis perigosas pola acción das correntes nunha praia de mar aberto. 

Non é este o primeiro problema que provoca o goberno do Partido Popular neste eido. Así, o servizo de salvamento deste ano principiou dous días despois do previsto –nos que houbo que retirar as bandeiras azuis- pola intención da empresa adxudicataria, Tragsatec, de baixarlles o salario aos socorristas a 700 euros. Finalmente, a presión conseguiu que llelo subiran á contía do ano anterior, uns 900.

Pero é que ademais, o Concello débelle á Axencia Tributaria arredor de 150.000 euros correspondentes aos impagos á Seguridade Social pola prestación do servizo no ano 2012, encargado a Protección Civil, unha entidade, como se sabe, sen ánimo de lucro.

Comentarios