Ferrol irá o 12 de xuño a unha folga xeral convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG

Os sindicatos CIG,CCOO, UGT e USTG convocan á comarca de Ferrolterra a unha folga xeral o próximo día 12 de xuño en resposta á situación “de emerxencia total” que están a padecer e na procura dun futuro digno para a comarca.”Ferrol esixe solucións” é o lema da manifestación que sairá ás 12 desde o Inferniño. 

Mobilización do sector naval en Ferrol
photo_camera Mobilización do sector naval en Ferrol

O martes 12 de xuño, Ferrol vivirá un novo paro xeral convocado polas organizacións sindicais  CIG, CCOO, UGT e USTG que decidiron facer a chamada á folga en toda a comarca debido ao que definen como “emerxencia total” da situación de Ferrolterra. “Ferrol esixe solucións” será o lema da manifestación que sairá ás 12 horas desde o Inferniño á Praza do Concello. 

En contra das “nefastas políticas do goberno estatal e da Xunta” faise esta chamada por parte das organizacións sindicais que presentaron a xornada de loita esta segunda feira en convocatoria de prensa. 

As catro organizacións veñen mantendo contactos desde hai dous meses coa idea de traballar nunha resposta conxunta ante a alarmante situación que arrastra a comarca desde o que se coñeceu como reconversión naval que agora se agudiza no contexto de crise económica xeral. 

“Ferrol presenta as peores cifras de desemprego, no último ano pasamos dunha taxa de paro do 16% até o 22%; a maioría das empresas da comarca están afectadas por expediente de regulación de emprego, entraron en concurso de acredores ou directamente botaron o peche; os nosos sectores pesqueiros e agro-gandeiros están en claro retroceso e desaparición; non hai investimento público nin desenvolvemento das infraestruturas; e aínda por riba o naval,  sector estratéxico para a comarca, atópase na situación máis complicada da súa historia”, sinala Xesús Anxo López Pintos, co-responsábel comarcal da CIG.

Só na industria auxiliar dos estaleiros, nos últimos dous anos perdéronse máis de 2.000 postos de traballo e a situación agudízase pola falta de carga de traballo sen que desde o Goberno español nin do galego se tire pola construción do dique flotante que paliaría a grave parálise do sector, unha promesa electoralista que non se deu materializado. 

As organizacións sindicais manterán xuntanzas cos colectivos e asociacións do movemento asociativo, comerciantes e empresarios locais para conseguir un apoio xeral á convocatoria. Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal desenvolveranse asembleas nos centros de traballo ademais de actividades de difusión da convocatoria e concienciación da cidadanía co fin de que se dea unha mostra contundente ás políticas da xunta e do goberno central que abafan a comarca de Ferrolterra. 

Comentarios