Fernández de Mesa di que non tiña "capacidade" de decidir e culpa a López Sors

O ex-delegado do Goberno en Galiza, responsábel do gabinete de crise cando a catástrofe do Prestige, acusa a López Sors e nega que tivera "autoridade" no afastamento do petroleiro.
Arsenio Fernández de Mesa Díaz del Río
photo_camera Fernández de Mesa na imaxe da protesta de Greenpeace


O xuízo pola catástrofe do Prestige continúa coas declaracións das diferentes testemuñas solicitadas por defensa, ministerio fiscal e acusacións particulares. Hoxe tocoulle a unha das persoas máis agardadas e que chegou a estar imputada neste proceso: Arsenio Fernández de Mesa, ex-delegado do Goberno en Galiza e responsábel do gabinete de crise cando a catástrofe do Prestige.

Interrogado polo avogado de Nunca Máis, o deputado do PP pola Coruña afirmou que cando pasaron os acontecementos non tiña "autoridade" para tomar "ningunha decisión" como a de afastar ao Prestige das costas galegas.

Na súa declaración escudouse no entón director xeral da Marina Mercante, José Luis López Sors, que "contaba tamén con asesores". Esta estratexia serviulle no seu momento para que o xulgado de Corcubión non mantivera a acuasación contra él.

De imputado a testimuña

Nunca Máis é unha das entidades que tomou a decisión de que se depuraran responsabilidades políticas, fundamentalmente as decisións de afastamento e rumbos, e dirixiu unha querela contra López Sors, a armadora do Prestige, contra o capitán e o seu primeiro oficial, mais tamén contra o propio Arsenio Fernández de Mesa e contra Ángel del Real que era o Capitán Marítimo da Coruña.

Para a Plataforma esas tres persoas eran as máis directamente relacionadas coas decisións do barco, ou aparecía así na información en medios e na investigación que se fixera entón. Alejandro Martín, avogado de Nunca Máis, explica que "logo a instrución a sala, a mesma sala que hoxe esta a xulgar, levantou a imputación contra Fernández de Mesa e contra Ángel del Real pola autoinculpación de López Sors" malia as responsabilidades no CECOP, órgano para dar cobertura ou aparente cobertura formal a decisións que estaban movidas por temas de oportunidade e de medos e totalmente “atécnica”.

Comentarios