Fermín Muguruza celebra en Ourense os seus 30 anos de música e combate

Fermín Muguruza volta a Galiza para actuar en directo. Será en maio, no Festival Reperkusión (Ourense). Após seis anos desde a súa última xira, o irundarra desembarca outravolta no noso país para celebrar os seus 30 anos de música, axitación e combate desde a liña da fronte. O mellor lugar para bailar

Após seis anos desde a súa última xira, Fermin Muguruza volve facer dos escenarios trincheiras coa Fermin Muguruza Kontrakantxa, formación de nove músicos que o acompañarán no “No More Tour 2013” . Con esta xira o músico irundarra celebra os seus 30 anos de percorrido musical: desde aquel 1983 no que compón a súa primeira canción xunto ao seu irmán Íñigo para o que despois darían forma co nome de Kortatu, un grupo imprescindíbel para xeracións en todo o mundo. En 1990 organizaría Negu Gorriak, quizás o grupo musical máis parecido a un comando itinerante de axitación e propaganda para a revolución vasca e mundial. Encheron recintos en países tan dispares como Francia, Italia, Cuba, Salvador, Alemania ou Suiza, sempre coa autoxestión e o euskera como bandeira. 

En 1997/98 desenvolveu o proxecto Ireki Ateak xunto ao trío de post-hardcore DUT e o grupo de teatro GaitzerdiA partir de 1999 comeza a súa carreira en solitario, que non se circunscribe só ao musical, senón que mesmo contempla a elaboración de documentarios, un bo feixe deles, sobre a música árabe, en colaboración con Al Jazeera.

Galiza, tamén o seu país

Fermín Muguruza estará en Ourense, no Reperkusión, que terá lugar en Bemposta (Ourense) entre o 10 e 12 de maio. Fermintxu sabe ben o que é tocar en Galiza. Desde aquel mítico concerto dos Kortatu a mediados dos 80 con La Polla Records en Osebe até as actuacións de Negu Gorriak en Compostela e Vigo. Na capital da Galiza tocaron na xa desaparecida Sala Nasa en 1993 nun concerto antixacobeo. A Rúa de San Lourenzo tomada por furgonetas antidisturbios mentres no interior da Nasa os centos de asistentes bailaban pogo cun ollo no teito, agardando que desmoronase ante o embate da combustión musical do quinteto vasco; e outro na porta, agardando a entrada dos antidisturbios. Durante dúas horas e media, a Sala Nasa semellou o Hernani máis borroka.

E con DUT actuou no Alén Rock na Illa de Arousa, concerto do que aínda se fala neste porto mexilloeiro, onde todavía se preguntan se aquilo foi unha actuación musical ou unha treoboada chegada desde o Cantábrico.

Tamén Muguruza actuou xa en solitario no noso país, ben en Brión (nun concerto organizado polo sindicato CUT e que tivo que facerse nese concello tras o veto do goberno local de Teo -daquela en mans do PP- de que 'terroristas' actuasen no se territorio), ben en Compostela, no Sar, con emotiva lembranza aos e ás presas independentistas incluída. E atacou, tamén, e de que xeito, en Bueu, na Sala Aturuxo.

Volve Fermín, o León Asmático, a aizkora andante, a Banda Sonora Orixinal da realidade social e política de Euskal Herría ao longo destas tres décadas. O músico que fixo da liña do frente o mellor escenario para bailar. E pensar. 

Berrira, Ongi Etorri. De novo, Benvido.


Comentarios