O feminismo sae de novo á rúa contra a violencia machista

En concentracións que se desenvolveron na Coruña, Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol, o feminismo saíu de novo á rúa para facer sentir a voz contra a violencia machista, despois do duplo asasinato de Arbo. 

concentracion
photo_camera concentracion

“Contra a violencia machista, loita feminista”, foi unha das lendas que se escoitaron nas concentracións convocadas esta terza feira ás 20 horas como sinal de protesto contra a violencia contra as mulleres, despois do duplo crime de Arbo no que foi asasinada Beatriz Rodríguez xunto coa súa parella. O xulgado n. 3 de Ponteareas decretou prisión provisional sen fianza para o seu ex-compañeiro, A. D., que ingresou na cadea da Lama. Os corpos de Beatriz Rodríguez mais o seu compañeiro Sergio Rodríguez foron atopados mortos no interior dun vehículo no serán do sábado no concello de Arbo, con disparos de escopeta. 

Na concentración de Compostela, como noutras das que se desenvolveron no país, fíxose referencia explícita á urxencia de eliminar a expresión “crime paixonal” que nestes días aparecía nalgún medio de comunicación. “Non sexas cómplice, denuncia o agresor!” ou “Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia”, foron outros dos lemas que soaron nas mobilizacións e nas faixas das distintas concentracións nas que se expresou a repulsión por un novo crime machista. 

Asasinatos pola perda de dominio do home

Desde a Marcha Mundial das Mulleres lembraron que moitos dos asasinatos por violencia machista se producen “cando a muller decide rachar unha relación, ou empezar unha nova, e o home non acepta perder o seu dominio”. Destacan tamén que, fronte á falsa crenza de que as mulleres presentan denuncias falsas, “a inmensa maioría das mulleres que sofren malos tratos ou o acoso da súa parella ou ex-parella non o denuncian. Porque seguen predispostas a desculpar e perdoar ao seu agresor; porque séntense culpables de telo abandonado e de empezar unha nova vida; porque non queren que os seus fillos ou fillas carguen coa humillación pública de ter un pai maltratador...Porque non son conscientes de que as ofensas verbais poidan desembocar en asasinato”.

Denuncian tamén a desprotección das mulleres mesmo en caso de denuncia, como aconteceu co asasinato de Isabel Fuentes cando estaba ingresada por unha agresión anterior no hospital público de Ourense no mes de maio, e tamén acusan a “enorme distancia entre as palabras de preocupación pola violencia de xénero e as medidas que se adoptan -mellor dito non se adoptan- para garantir a seguridade das vítimas ou facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están a sufrir”. Reclamaron, finalmente, mobilización e concienciación social para denunciar a violencia machista. 

Comentarios