Feijóo terá que responder no Parlamento pola continuidade de Fernández de Sousa, Gayoso e Méndez no Padroado do CGAC

A deputada do BNG Ana Pontón vén de demandar no Parlamento o cesamento por parte da Xunta de Manuel Fernández de Sousa-Faro, Julio Fernández Gayoso e José Luís Méndez como presidente e membros do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea. A noticia viu a luz en Sermos Galiza. 

CGAC e Museo do Pobo Galego
photo_camera CGAC e Museo do Pobo Galego

A través de varias inicitavias rexistradas no Parlamento, a deputada nacionalista Ana Pontón demándalle ao goberno de Núñez Feijóo “cesar inmediatamente” como membros do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea ao seu presidente, Manuel Fernández de Sousa-Faro, responsábel do afundimento de Pescanova, e aos que foran presidentes das caixas, Julio Fernández Gayoso e José Luis Méndez, que aínda figuran no órgano do centro dependente da Consellaría de Cultura. 

A parlamentaria do BNG refírese á información publicada en Sermos Galiza segundo a que o goberno de Núñez Feijóo continúa a manter na presidencia do padroado do CGAC  a Fernández de Sousa-Faro, “persoa que ten unha enorme responsabilidade na crítica situación que vive Pescanova” sobre a que hai sospeitas de ter especulado coas accións da empresa aproveitando a súa situación de privilexio no acceso á información. O nomeamento de de Sousa á fronte do Padroado do CGAC foi publicada no DOG do 8 de marzo de 2011, asinado polo presidente Núñez Feijóo máis polo Conselleiro de Cultura naquel entón, Roberto Varela sen constar desde entón ningunha publicación oficial de cesamento. 

Segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, o propio Fernández de Sousa tería presentado a súa renuncia hai semanas, máis a súa demisión non consta en parte ningunha de maneira oficial. Formalmente, continúa a ser o presidente do padroado. Tamén se manterían como vogais dese órgao quer Gayoso quer Méndez, embora vírense obrigados a devolver as medallas de ouro de Vigo e A Coruña após a desfeita das caixas. 

Comentarios