Feijóo, sobre a súa aparición no sumario Pokémon: "Non teño nada que ver nin o lembro"

O PP galego non vai asumir responsabilidades políticas até que se levante o segredo sobre todo o sumario Pokémon. Tampouco nada garante que o vaia facer despois. Iso é o que se tira do dito esta quinta feira por Feijóo na rolda de imprensa após o consello da Xunta.

Feijóo na conferencia de imprensa
photo_camera Feijóo, perante a imprensa

O nome de Feijóo tamén aparece nas gravacións da Pokémon, destapadas despois de a xuíza ter levantado parcialmente o segredo sobre o sumario. En concreto, o xerente de Aquagest alude o presidente da Xunta, cando di que o naquela altura alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, pediu a súa intercesión para substituír o interventor e o secretario do concello.

Sobre este extremo, Feijóo dixo: "Non teño nada que ver con ese asunto, nen o lembro nen teño nengunha referencia nen directa nen indirecta e, como é natural, non entra nas competencias da Xunta nen do presidente".

A doutrina de Feijóo sobre o asunto Pokémon, a esta altura do caso, asenta sobre dous esteos. Primeiro, as acusacións graves son as que pesan sobre o alcalde de Lugo, que si se tería lucrado coa trama, segundo o líder do PP. Segundo, o resto de indicios apuntan a asuntos menores e, en todo caso, non dispomos aínda de dados abondos para tirarmos conclusións definitivas. Portanto, o PP non vai proceder a asumir ningunha responsabilidade política.

Reivindicou Feijóo a este respeito que o PP xa ten entregado algunha cabeza, entre ela a dos alcaldes de Boqueixón e Santiago de Compostela, o mesmo Conde Roa que agora implicaría o presidente da Xunta ao ligalo cos atrancos que pretensamente terían colocado o interventor e o secretario do concello á hora de renovar a concesión a Aquagest, a empresa que xestiona o servizo de augas na capital da Galiza.

A conselleira Beatriz Mato perfílase como recambio de Negreira para as municipais de 2015 se o alcalde é imputado

En todo caso, fontes consultados por Sermos Galiza na contorna do PP admiten a enorme preocupación que produce en Monte Pío o desenvolvimento das investigacións da xuíza, Pilar de Lara, e nomeadamente aquelas que apuntan a Carlos Negreira, o principal soporte de Feijóo no partido.

Esas mesmas fontes non desbotan que Negreira acabe sendo imputado, o que, a apenas 15 meses das eleccións municipais, desataría unha crise política de consecuencias imprevisíbeis.

De verse obrigado Negreira a demitir, a opción máis seria que manexa o PP para se candidatar á Alcaldía da Coruña sería a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.

Comentarios