Feijóo, sobre Bárcenas: "É un xogo de pillos"

Conferencia de imprensa. Dioivo de perguntas sobre Bárcenas. Feijóo púxose na pel da xente do común: "Teño as mesmas dúbidas que calquera cidadán", dixo. Ao seu xuízo, o escándalo responde a "un xogo de pillos" que estaría orquestrado para prexudicar o PP. Segundo o presidente da Xunta, o único que se pode dar por certo a estas alturas é a existencia dunha conta en Suiza.
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo non puido safar do escándalo Bárcenas na comparecencia de imprensa após o Consello da Xunta. No entanto, evitou --como puido-- posicionarse con clareza ao respecto e recuncou nas ideas forza que configuran o seu discurso desde a publicación dos papeis que vinculan ao ex-tesoureiro do Partido Popular cunha suposta contabilidade B do partido. "Eu teño as mesmas dúbidas que calquera cidadán", asegurou o presidente galego ao tempo que aseveraba que o "único certo até o de agora é que hai unha conta en Suíza" da que dixo "é privada", á fin de rachar con calquera especulación que vincule as contas en paraísos fiscais co seu partido.

Feijóo amosa o seu apoio a Mato asegurando que "as mulleres non son culpábeis do que fan os seus maridos"

"Desexo que este lío e confusión, con información contraditoria, se esclareza e a xustiza aclare" o que hai de certo nas acusacións que durante hai máis de dúas semanas salfiren a cúpula do PP con diversos casos de corrupción --amais de Bárcenas, o Gurtel. Porén, a Fiscalía xa está a facer o seu traballo e apunta cara á actual ministra de Sanidade, Ana Mato, e ao seu ex-marido como receptores de diñeiro procedente de comisións cobradas de maneira ilegal a empresas construtoras que logo recibían beneficios políticos nas adxudicacións públicas.

Neste senso, o presidente da Xunta de Galiza quixo amosar o seu apoio á popular asegurando que "ao igual que os fillos non son culpábeis do que fan os seus pais, as mulleres non o son do que fan os seus maridos". Así as cousas, a documentación achegada pola xustiza indica que os pagamentos percibidos pola familia incluirían fondos empregados para a compra de confeti utilizado pola daquela responsábel popular de campaña, Ana Mato, nun acto electoral do partido. Sexa como for, o certo é que o líder d@s populares galeg@s non se quixo pronunciar a respecto das declaracións feitas pola ex-presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, cando asegurou que de ser Mariano Rajoy ela "tería destituído" á ministra após coñecer o acontecido.

O presidente da Xunta rexeita responder a Esperanza Aguirre

Nin unha soa referencia explícita do presidente ás verbas de Aguirre nin á súa persoa. Núñez Feijóo desbota referirse de maneira directa á que se perfila como a súa rival na carreira cara á dirección política do partido en Madrid. Asemade, en referencia á proposta achegada pola líder d@s populares na Comunidade de Madrid --quen apostou por iniciar un "proceso de rexeneración democrática" no seo do PP e mesmo se propuxo candidata a desenvolvelo-- Alberto Núñez Feijóo asegurou ser o primeiro "en estar a favor da rexeneración sempre" e mesmo considerou que é unha "tarefa pendente". Porén, sinalou o presidente da Xunta, "non creo que poida haber nungún presidente que teña máis vontade de rexeneración que Rajoy".

Comentarios