Feijóo sobre a sinalización viaria: “O problema é que non estexa en castelán”

O presidente da Xunta opta por dar 'carpetazo' á polémica da presenza do galego nos sinais das autoestradas afirmando que o delegado do goberno “xa aclarou suficientemente” o acontecido

Núñez Feijóo
photo_camera Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo, considera que o idioma galego, cooficial e o propio do país que preside, é válido nos sinais de tráfico. Considera iso si, que habería un problema se na sinalización non está presente o español. O presidente de Galiza, así pois, manifesta grande preocupación pola presenza do español na sinaléctica. E faino nunha semana na que a nova, unha máis, foi a discriminación ao galego. Multas da Garda Civil a autoestradas por ter en galego e inglés o sinal que obriga a parar para pagar o importe do traxecto. Até medio cento de sancións cursadas por non estar presente o español.

Feijóo manifestou tras o Consello da Xunta que este tema “foi aclarado suficientemente polo delegado do goberno español en Galiza”. E engadiu: “o galego é valido nos sinais de tráfico. De haber un problema, é que non estexa o castelán”.

Ferrol, o naval e a folga xeral

A preguntas dos xornalistas, Feijóo tamén se referiu á convocatoria dunha folga comarcal en Ferrol para o vindeiro 12 de xuño. O presidente da Xunta afirmou que o goberno autonómico está a facer o que pode por solucionar o problema do naval na comarca, se ben lembrou que Navantia depende do Estado.

“O departamento comercial de Navantia ten que conseguir pedidos”, manifestou, unha frase que xa ten deitado en máis dunha ocasión cando se lle inquire sobre a situación do naval en Ferrol.

Para Blesa, nada. Para Aznar, respecto

Tamén a preguntas dos xornalistas, Feijóo tivo que falar de Blesa e de Aznar. Sobre o banqueiro e os pagos que o PP lle fixo, o presidente da Xunta optou por un escueto “non teño ningunha información”. A insistencias dos xornalistas, reiterou: “é imprudente que de a miña opinión”.

No que atinxe a José María Aznar, o mandatario autonómico optou por facer un paralelismo entre este inicio de lexislatura de Maríano Rajoy e o primeiro mandato de Aznar (1996-2000). “Atá o ecuador da lexislatura, [o goberno de Aznar] era moi impopular. E despois cambiou, porque esas medidas que adoptou ao principio deron os frutos. E no 2000 conqueriu a maioría absoluta”.

Tamén indicou Feijóo que el era un admirador dos 8 anos de goberno de Aznar.

Pescanova

Pescanova foi outra das cuestións sobre as que se pronunciou o presidente a preguntas dos xornalistas- Feijóo afirmou valorar “que Sousa diga que o seu obxectivo principal é que Pescanova non se liquide”.

Afirmou, aliás, que “a Xunta segue comprometida con Pescanova, dentro dos intereses xerais de Galiza”

Comentarios