Feijóo só defende a súa xestión e deixa dúbidas sobre a de Fraga

"Desde que son presidente do PP" non houbo pagamentos en negro e "saberán os anteriores (presidentes) do anterior", dixo Feijóo a respeito do caso Bárcenas.

Na conferencia de imprensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo preocupouse só de salvar os seus propios móbeis. Negou irregularidades nos pagamentos a funcionarios e dirixentes cando menos desde que el preside o partido, 2006. Porén, non avalou aos "anteriores" presidentes.

Ou sexa: logo de dedicarlle o recente congreso de Lugo a Manuel Fraga Iribarne, cuxo pensamento se incorporou como doutrina oficial do PP, Feijóo agora evita avalar a contabilidade do partido durante o período en que estivo dirixido polo fundador do seu propio partido, quen xa fora salferido polo escándalo Bárcenas nas primeiras informacións publicadas habida conta de que o ex-presidente da Xunta de Galiza, liderara a formación a nivel estatal durante boa parte dos anos en que se produciron os pagamentos en negro á cúpula do PP. 

"Nós non temos absolutamente nada", sentenciaba Alberto Núñez Feijóo ao tempo que verquía dúbidas a respecto do que tivese acontecido durante as décadas anteriores. Porén, mentres negaba ter relación algunha cos sobres suministrados por Luís Bárcenas, o líder d@s populares negaba "descoñecer da A á Z" as informacións publicadas esta quinta feira polo diario El País en que apuntan ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy como un dos dirixentes do partido que tería percibido sobresoldos en negro. 

 

Comentarios