Feijóo sinala a porta de saída aos críticos

O PP ten as portas abertas para quen queira entrar nel, mas tamén para "os que queiran marchar". Sinalouno esta mañá Feijóo, perante o primeiro comité executivo do PP após o congreso de Lugo. O chefe da dereita galega decidiu que Paula Prado abandonaría o concello de Santiago.
Congreso PP
photo_camera Congreso PP

O PP enfrenta unha situación ben paradoxal. Ten 41 escanos no Parlamento, mais pelexa cunha crise económica e social sen precedentes. Esta mesma semana, os dados da EPA batían unha marca histórica. 277 mil galegos no paro. A taxa de actividade apenas supera o 50 por cento.

Neste contexto, ábrense fendas no partido, cunha crise profunda nos grupos municipais de Pontevedra, Ames e Santiago e baixas de edís en Narón e Pontevedra. Nen sequer a imprensa afín, ben engraxada cos subsidios provenientes das arcas de San Caetano, pode xa agachar as lañas no outrora impenetrábel bunker conservador. E iso sen falarmos de que o asunto ourensán continúa como sempre, con Baltar senior fóra do partido e con Baltar junior afiando as armas para o congreso provincial.

Nen sequer a imprensa afín, ben engraxada cos subsidios provenientes das arcas de San Caetano, é quen de agachar as lañas no bunker conservador

Así as cousas, Feijóo resolveu hoxe mover ficha en Santiago. Decisión salomónica. Ascende a Paula Prado, que continúa no Parlamento e substitúe Rodríguez Miranda como portavoz do partido, mas á vez salva a vida política -polo de agora- ao duplamente imputado Ángel Currás, o home que non ía saír nos titulares de imprensa e que vai de escándalo en escándalo.

"O partido ten as portas abertas para os que queiran marchar e para os que non estexan dispostos a aceitar os principios de honestidade, exemplariedade e unidade", afirmou o xefe do Executivo galego.

En pleno caso Bárcena, Feijóo esfórzase por aparecer como campión da ética política, embora a estas alturas aínda non teña demandado a demisión ao alcalde duplamente imputado de Santiago.

Comentarios