Feijóo pon condicións ao acatamento das sentenzas sobre o galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, condicionou hoxe no Parlamento o acatamento sen presentar recurso ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) sobre o decreto do galego a que o BNG acepte o resto da norma. En resposta a unha pregunta do voceiro do grupo do Bloque, Francisco Jorquera, na primeira sesión de control da lexislatura, Feijóo ofreceu “aparcar as diferenzas” en materia lingüística e retomar o “consenso” sobre a base das sentenzas do tribunal galego, que según a súa interpretación avalan “o 95%” da normativa.
Alberto Núñez Feijóo no Consello Extraordinario da Xunta do 27-08-2012, anunciando o adianto electoral
photo_camera Alberto Núñez Feijóo no Consello Extraordinario da Xunta do 27-08-2012, anunciando o adianto electoral

Jorquera replicou coa reclamación dunha “discriminación positiva” para o idioma propio, que se utiliza, afirmou, en menos dun 20% das clases de ensino non universitario, a pesar de que na consulta ás nais e pais, cuestionada polo TSXG, o 40% das familias prefiren o galego. “Sufragará a estes pais a escolarización en centros que usen o galego como lingua vehicular?”, preguntou con ironía o deputado do BNG, en referencia a posibilidade así estabelecida na reforma educativa de José Ignacio Wert. “Retome o consenso que vostede mesmo rachou e derogue o decreto da vergoña”, instoulle a Feijóo.

O galego úsase en menos dun 20% das aulas de ensinano non universitario, a pesar de que na consulta aos pais, cuestionada polo TSXG, o 40% das familias prefiren o galego

O presidente insistiu: “Se vostede está de acordo co TSXG, eu acepto ese pacto e non se recorren (as sentenzas)”. Mais Feijóo non aclarou cal será a actuación da Xunta nos tribunais se ese acordo non se produce, aínda que sí avanzou que seguirá “cumprindo” o seu programa electoral e que explorará se “é posible mellorar a liberdade” de nais, pais e alumnado. O tribunal con sede na Coruña anulou os puntos do denominado decreto do plurilingüismo referidos á consulta ás nais e pais en educación infantil e que permite ao alumno utilizar o galego e o castelán sobre a base das súas preferencias, salvo en algunhas materias.

Na súa última quenda, Feijóo arremeteu contra o BNG por se comportar, dixo, “como unha SGAE de titularidade do galego”, “E que acaso o galego é do BNG, e nos van dicir que podemos e onde o podemos falar?”, continuou. O presidente da Xunta tamén preguntou se o modelo do Bloque é o catalan e engadiu: “Dígao, porque a nosa aposta é a do bilingüismo cordial”.

As preguntas do PSdeG e AGE ao presidente da Xunta tiveron a ver cos últimos datos do paro en Galiza, dos cales Feijóo se defendeu apelando ao do conxunto do estado e ao de comunidades autónomas como Cataluña ou Andalucía. Especialmente, sobre os desta última, que co 35% de desemprego e a petición de case 5.000 millóns de euros do fondo de rescate “perxudica a Galicia e ó resto de comunidades autónomas”. O voceiro socialista, Pachi Vázquez, pediu a Feijóo que non se escude máis na herdanza recibida que “a propia” do presidente, en tanto que Yolanda Díaz, de AGE, lle solicitou que abandone o seu cargo se non ten fórmulas para facerlle fronte ao crecemento do desemprego.

Nun debate bronco, en que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, chamou á orde a tres diputados de AGE, entre eles Xosé Manuel Beiras, Feijóo aproveitou a situación económica para defender o apoio da Xunta á explotación por unha empresa canadense dunha mina de ouro en Coscoesto, en Cabana de Bergantiños, moi criticada polas organizacións ecoloxistas. “Apoia vostede a inversión e a creación de 1.400 empleos en dez anos?”, preguntoulle a Díaz, para demandar a continuación “respecto polas iniciativas que crean emprego”.

Comentarios