Feijóo mantén 3 conselleiros no Parlamento para non facer moi evidente a designación de Rueda

Feijóo aproveitou un acto partidario -a reunión do Comité Executivo do PP- para anunciar que tres conselleiros do Goberno galego -Alfonso Rueda, Agustín Hernández e Jesús Vázquez- manterán a acta como parlamentares. Todo apunta a unha manobra para non facer moi evidente a designación de Rueda como sucesor.

Na eventualidade de Feijóo abandonar a Cámara na presente lexislatura, nada desbotábel tendo en conta a profunda crise que abala o partido no Estado, os cenarios serían dous. Ou convocatoria de eleccións antecipadas -de difícil explicación política dado que o PP conta con 41 escanos- ou investidura dun novo presidente. Requisito imprescindíbel para acceder a Monte Pío é estar en posesión dunha acta como parlamentar. Daí que nas últimas semanas se dese por suposto a continuidade de Rueda como deputado.

O recente congreso de Lugo reforzou o poder de Rueda no aparato, coa simplificación da estrutura de mando (só fica unha única vicesecretaría xeral, precisamente en mans de Agustín Hernández).

Deixar só a Rueda como deputado equivalía a o expor perante a opinión pública como delfín inequívoco de Feijóo. O argumento de que se mantiña na Cámara para reforzar a coordenación co grupo parlamentar non se tiña realmente de pé, tendo en conta que o PP ten 41 deputados e unha disciplina de voto máis que contrastada.

Feijóo opta, pois, por unha manobra táctica, ao colocar un triunvirato de conselleiros -entre eles, o conselleiro do decreto do plurilingüismo- no Hórreo. Tenciona así facer menos evidente a designación como sucesor do vicepresidente. O propio Rueda esta mesma semana, en declaracións a Radio Coruña-SER, botou balóns fóra deixando entrever que non está na carreira cara a Monte Pío e que mesmo, de marchar Feijóo, el o acompañaría.

Paula Prado, fóra do concello

Outro anuncio institucional-partidario feito por Feijóo ante o comité executivo atinxe o concello de Santiago. Paula Prado, líder do sector antiCurrás, abandona a Corporación. Foi promovida no congreso de Lugo á portavocía do partido.

Comentarios