Feijóo négase agora a esclarecer cando cortou realmente a relación con Dorado

Feijóo admitiu onte, en conversas con El País, que a súa relación con Marcial Dorado chegou ao século XXI. Ou sexa, que non dixo a verdade cando afirmara que a rachara arredor de 1997. O presidente da Xunta négase agora a esclarecer cando cortou realmente a relación co narcotraficante.

Grazas ás declaracións do xuíz Taín -precisamente o que ordeou a entrada en prisión de Dorado por narcotráfico- podemos saber que entre 2001 e 2003 o presidente da Xunta mantivo relación co capo da mafia.

En declaracións a El País, Taín non precisou de cantos contactos telefónicos estamos a falar. Si dixo que, en todo caso, foron chamadas banais, as típicas que se realizan para felicitarse as ferias do Natal e eventos dese xénero.

O xornal español deu falado cun portavoz de Feijóo, que admitiu a existencia deses contactos telefónicos. Ese mesmo portavoz non ve contradición entre as chamadas e as declaracións do presidente da Xunta. Na conferencia de imprensa que ofereceu na segunda feira, dixo que a última vez que vira Dorado fora no enterro do chófer Manuel Cruz, a persoa que os puxo en contacto, testaferro do narcotraficante. Iso aconteceu por volta de 1999. Cruz morreu pouco antes de ir a ser xulgado pola Audiencia Nacional.

O portavoz de Feijóo afirma que o que dixo este foi literalmente que a última vez que viu a Dorado foi "a consecuencia da morte" de Cruz, o que non necesariamente significa que fose en 1999.

El País quixo saber entón cando realmente se produciu o último contacto [Dorado foi detido por orde do xuíz Taín en Novembro de 2003, Feijóo era conselleiro de Política Territorial desde Xaneiro dese ano). Feijóo declinou contestar.

Comentarios