A versión de Feijóo sobre as fotos co narco debilítase ao non sinalar quen o estaría a "amedrentar"

O xefe do Goberno galego compareceu como presidente do PPdG para insistir en que descoñecía os negocios que ligaban Marcial Dorado ao contrabando de tabaco e para teimar en que "intentaron amedrentalo" coa publicación das imaxes na súa compaña. A oposición, primeiro BNG e despois PSOE e AGE, reclamou a súa demisión. Feijóo delegou no seu grupo parlamentar -do que, dixo, ten a maioría absoluta- a decisión de se vai concorrer ou non no Pleno da Cámara. Portanto, el non vai tomar a iniciativa para o facer, embora sexa o presidente do grupo.

photo_camera Momento da comparecencia [SG]


Da comparecencia que o presidente da Xunta de Galiza vén de realizar no local do grupo parlamentar do PPdG en calidade de xefe desta formación política salientan varias cuestións.

Desde o domingo á unha menos cuarto da madrugada, cando un comunicado oficial asinado no seu nome foi pendurado no portal web d@s conservador@s, Núñez Feijóo vén defendendo que a publicación dunhas imaxes en que aparece en compaña no narco Marcial Dorado se debe a "un intento de me amedrentar para que non diga o que penso". Porén, esta segunda feira, ao lle preguntar "quen o amedrenta?" dixo non saber "quen está detrás das fotos" e non sinalou a ninguén. 

Doutra banda, o titular do Executivo galego indicou que en 2004 reuniuse co líder estatal do partido, Mariano Rajoy, para o informar da existencia das fotografías que agora viron a luz. Por tanto, hai case dez anos que Rajoy coñece que o seu 'home en Galiza' mantivo, en palabras de El País, "unha estreita amizade" cun narco. Das últimas declaracións ás primeiras, de seguido podes repasar a comparecencia completa de Feijóo.
 

  • 35 minutos despois de comezar, o presidente da Xunta dá por concluída a rolda de imprensa que cualifica como "interesante". Agradece ao grupo parlamentar do PPdG que saísen canda el á mesa de micros
     
  • Feijóo di que coñece Dorado desde 1994, que desde 1998 "enfriou a relación" e que a última vez que viu o narco foi no enterro de Manuel Cruz, o home que os puxo en contacto, militante do PP en Ferrol e que faleceu nun accidente de tránsito. 
     
  • Perante unha hipotética campaña para frear as súas ambicións de relevar a Rajoy, recalca que as súas "aspiracións" están na Galiza e que rematará o seu mandato co visto e prace de Génova, quen -enfatizou- lle transladou a petición de que siga a facer política "como até o de agora"
     
  • A respeito dunha posíbel financiación ilegal do PP, limitouse a entoar o seu coñecido mantra: "Eu nese momento non militaba nin no partido". Porén, era alto cargo na consellaría de Sanidade que dirixía Romay Beccaría
     
  • Reitera cordialidade na relación con Anxo Quintana e di que se ven cando o nacionalista quere e que el sempre está "á súa disposición" A continuación espeta que o empresario de San José, Jacinto Rey, fora adxudicatario do concurso eólico. 
     
  • En 2003-2004 cando soubo das fotos pediu unha xuntanza con Fraga e Rajoy, de maneira que o actual presidente do Goberno español tamén sabía desde hai unha década a existencia desas instantáneas. Dá conta de que tamén o domingo falou con Rajoy sobre estas imaxes, e na noite do sábado para o domingo con Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP
     
  • Após ter recoñecido que viaxou a Andorra co narco, agora di que non sabe se estivo neste destino habitual do blanqueo de cartos: "Nalgunhas fotos lembro que había neve. Parece ser que eran os Picos de Europa"
     
  • "É evidente que se soubese o que logo souben, esa relación non se tería producido" mais cando tiven coñecemento polos medios que hai unha causa pendente polo contrabando "é cando deixo de ter unha relación social co señor Dorado". Acrecenta que "seguro que me debín ter informado con maior interese" e atribúe o erro á inocencia propia da xuventude. Tiña 34 anos.
     
  • Insiste en que coñeceu Dorado a través "dun compañeiro de traballo na Xunta". Manuel Cruz, o testaferro do contrabandista, era chófer para altos cargos do Goberno galego. Nega que entre el e o condenado por narcotráfico exista amizade algunha, "nin estreita nin ancha" e insiste en que non sabía a que se dedicaba. Volve repetir que cando soubo das causas pendentes cortou a súa "relación de ocio". Conclúe que non sabe o que fan ou poderían ter feito todas as persoas coas que el xantou algunha vez "non poño a man no lume por ninguén"
     
  • Sobre a ignorancia que manifestou respecto das actividades ilegais de Dorado ligadas ao contrabando de tabaco subliña que "pouco máis podo engadir a respeito dos feitos que o que dixen no comunicado". No comunicado di nun parágrafo que descoñecía os negocios de Dorado e noutro que se fiou de amigos comúns que lle aseguraron que deixara xa o contrabando. Na Radio Galega recoñeceu saber que fora ligado a actividades ilegais mais que "sempre saíu inocente"
     
  • Advirte de que o tema "será estirado" durante estes días e réstalle importancia ás imaxes e á súa presenza nelas: "Son o que son, simplemente unhas fotos". Por unhas fotos el propio pediu a demisión de Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta en 2009. Agora di que "nunca puxen en dúbida a honorabilidade de Quintana"
     
  • Repite en varias ocasións que o PPdG ten "a maioría absoluta da Cámara" e que unha mostra da súa boa vontade é estar dando esta rolda de imprensa. Nega ter asinado ningún contrato entre o Sergas (el era director do desaparecido Insalud no momento en que se tomaron as imaxes, en 1995) e o contrabandista Marcial Dorado
     
  • Sobre a demisión que lle reclamou toda a oposición: "Se tivese a máis mínima duda de ter feito algo ilegal estaría nunha situación comprometida. Actuei sempre dentro da lei". Recoñece saber da existencia das fotos desde 2003-2004, cando algunhas fontes indican que foron incautadas nun rexistro dunha propiedade inmobiliaria de Marcial Dorado. Pregúntanlle se comparecerá no Parlamento galego, como tamén lle exixiron BNG, AGE e PSOE, e responde que "estou á disposición do meu grupo". Acrecenta que se esas fotos tiveran algo a ver coa súa responsabilidade política non se tería presentado á presidencia
     
  • Rolda de preguntas: "Quen o amedrenta?" "Non sei quen está detrás das fotos. Quen procurou amedrentarme serán os mesmos que pretenderon asegurar que eu tiña actividades ilegais as hemerotecas están aí". Fala de "persoas ou grupos que publicamente fixeron insinuacións" e di que ameazaron con as publicar. Rexeita unha acusación con nomes e apelidos e convida a revisar a hemeroteca e o diario de sesións. Na entrevista previa á publicación das fotos que mantivo con 'El País' mencionou "dirixentes do PSOE", segundo o xornal de Prisa
     
  • "Non me sorprende esta publicación", reitera, tal e como veu facendo ao longo do domingo en declaracións a medios como a Radio Galega ou a Cadena Ser. Evidentemente tiña que coñecer a existencia das fotografías porque sae nelas, pousando para a cámara. 'El País' informou de que mantivo unha xuntanza con Feijóo o día 20 de marzo, para coñecer a súa versión ao redor das imaxes 
     
  • Empecinado en que "intentaron amedrentarme para que non dixese o que penso", subliña que "dixen digo e direi o que penso durante o tempo que ocupe cargos políticos"
     
  • Fala "por respecto aos votos recibidos polo grupo maioritario nas eleccións autonómicas" e "coa conciencia tranquila"
  • Di que comparece polas fotos de hai case 20 anos e que o fai após enviar un comunicado de maneira inmediata logo de coñecer a publicación. Efectivamente, unha comunicación oficial asinada polo propio Feijóo foi publicada o domingo á unha menos cuarto da madrugada na páxina oficial do PP de Galiza
     
  • Aparece Feijóo, acompañado do secretario xeral Alfonso Rueda, o voceiro Pedro Puy e @s vicevoceir@s Román Rodríguez e Marta Rodríguez Arias. Anuncia que falará en español "porque ten interese para medios nacionais". Visibelmente nervoso, aclara que responderá en galego as preguntas que se lle formulen nesta lingua
     
  • Cando pasan 20 minutos da hora fixada para a súa comparecencia perante a imprensa (12.30h), Alberto Núñez Feijóo non fixo aínda acto de presenza no local do grupo parlamentar do PPdeG, onde falará como presidente desta formación política e non como xefe do Goberno galego.

Comentarios