Feijóo, a Jorquera: "Castelao non era independentista"

Ataque de Feijóo ao portavoz do BNG. "Vosté representa a Galiza, pero Bildu ou ERC non representan a Galiza", dixo. O presidente da Xunta reprochou a Jorquera que criticase as medallas Castelao [en realidade, brincou con que Feijóo non sabe ben quen é Castelao]. "Castelao non era independentista", dixo Feijóo.

Beiras, Feijóo e Jorquera
photo_camera Beiras, Feijóo e Jorquera

Feijóo dedicou boa parte da súa réplica a Jorquera a criticar o bipartito e a defender o actual status de Galiza dentro do Estado español.

Foi especialmente contundente ao reprobar a aposta do BNG no concerto económico. Acusou á formación soberanista galega de tentar importar a Galiza as receitas de Bildu e ERC. "Vosté representa a Galiza, mais Bildu e ERC, non".

Quixo polemizar con Jorquera a respeito das conviccións nacionalistas de Castelao, do que dixo literalmente que non era "independentista" nen soberanista.

Na réplica a Jorquera, tamén deixou unha frase para a hemeroteca: "No meu gobenro non hai ninguén imputado nen ninguén implicado nun sumario". E logo engadiu: "Alá os gobernos e alá cada quen", como se quixese mostrar desdén a respeito da esperéntica situación que se está a viver na capital de Galiza, coa práctica totalidade da xunta de goberno imputada por prevaricación.

Réplica a Beiras

Feijóo descualificou a intervención de Beiras. "O único que lle faltou por dicer é que eu pertenzo a Resistencia Galega", dixo en alusión á frase do portavoz de AGE sobre que a Xunta é un "comando especial de exterminio".

Dixo non saber moi ben que ideoloxía defende Beiras no debate, se a independentista ou a de Esquerda Unida, e brincou co feito de Anova ter anunciado que trasladará as súas iniciativas ao Congreso através do grupo valenciano Compromís "e non através do BNG ou de IU".

Oposición a Zapatero e ao bipartito

No discurso de réplica a Méndez Romeu, Feijóo tirou de hemeroteca e dos dados recopilados pola súa equipa de asesores para por uns momentos voltar a exercer o papel de xefe da oposición. Ao bipartito e a Zapatero.

Comentarios