Feijóo insinúa que as responsabilidades de Angrois só atinxen o PSOE, mas se nega a abrir a comisión de investigación

A liña Santiago-Ourense foi apresentada falsamente como Ave en decembro de 2012, na súa inauguración. Nela, xa con Rajoy na Moncloa, foron convidados por seren responsábeis do seu deseño e execución Álvarez Cascos e José Blanco.

A liña Santiago-Ourense foi apresentada falsamente como Ave en decembro de 2012, na súa inauguración. Nela, xa con Rajoy na Moncloa, foron convidados por seren responsábeis do seu deseño e execución Álvarez Cascos e José Blanco.

Na conferencia de imprensa posterior ao consello da Xunta, Feijóo dixo literalmente: "Se cada vez que hai unha novidade temos que intentar levar ao Parlamento a dor das vítimas para botalo enriba dun partido político que estivo xestionando e deseñando esa vía nese momento, dende logo, comigo que non conten”. Reférese ao PSOE e, en concreto, ao ministro José Blanco.

Oculta Núñez Feijóo as responsabilidades do PP na concepción e deseño da liña Santiago-Ourense, en orixe obra de Álvarez Cascos. No seu momento o PP non só non o ocultaba, senón que até convidou ao ex ministro ao acto de inauguración dunha liña que foi falsamente apresentada como AVE (non o é polas condicións da infraestrutura, co mantimento dun trazado -o de entrada a Santiago, coa curva de A Grandeira na que se produciu a catástrofe- con ancho de vía ibérico e non internacional).

En realidade, as responsabilidades políticas salpican o PP e o PSOE por igual.

Oculta Núñez Feijóo as responsabilidades do PP na concepción e deseño da liña Santiago-Ourense

O proxecto inicial Santiago-Ourense foi encarregado en decembro de 1999 e aprobado definitivamente en abril de 2003. Foi nesa data cando ficaron definidos o trazado e as características básicas de seguranza.

A fase de construción desenvolveuse cos ministros do PSOE Magdalena Álvarez e José Blanco. Foi nesta etapa cando se tomou a decisión de non instalar o ERTMS na curva de A Grandeira.

Voto negativo, abstención

Precisamente iso -que as responsabilidades atinxan por igual a PP e PSOE- é o que explica que estes partidos políticos se teñan oposto -o PP co voto negativo, o PSOE coa abstención- a que se constitúa a comisión de investigación.

Feijóo, até agora ausente no asunto, ao que non se ten escoitado unha palabra de petición de responsabilidades nen a Renfe nen ao Adif, reapareceu en escena cun ataque ao PSOE, pouco meditado e que deixa moito flancos libres para o contra-ataque.

O PsdeG-PSOE cualificou de “gravísimas” as palabras de Feijóo e pediu unha rectificación.

Comentarios