Feijóo fuxe das inauguracións na rúa

Tres estampidas en dous días. O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo modifica a súa axenda para fuxir das protestas e desaparece dos actos na rúa. 

Núñez Feijóo
photo_camera Núñez Feijóo

Ao presidente Núñez Feijóo agárdaselle mais non aparece. A sospeita da presenza de mobilizacións na rúa, en especial, da protesta das vítimas das preferentes está a facer que o máximo mandatario da Xunta se ausente de actos que se recollen na súa axenda, de maneira singular, dos que teñen escenarios ao ar libre. 

En Compostela, agardábase por Feijóo no barrio de Vista Alegre ás 11 do Día 17 de maio para inaugurar unha placa na praza na que se sitúa a casa de nacemento de Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas mais, no último momento, o grupo de autoridades estaba só composto polo alcalde de Santiago, Ángel Currás, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, máis o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. Situado a poucos metros da casa oficial do presidente da Xunta, no barrio de Vista Alegre non recibiron a presenza de Feijóo para inaugurar a placa conmemorativa da xornada como na véspera, a colocada na fachada do Salón Teatro tivo unha apertura clandestina. 

A Xunta organizara unha sesión de homenaxe o día 16 no Salón Teatro -sede do Centro Dramático Galego na Rúa Nova-, un edificio preparado para que quedara marca perpetua da data e o recoñecemento ao autor e director ao que se lle debe o nacemento do teatro profesional na Galiza. Antes de comezar o acto era visíbel a bandeira galega que ocultaba unha placa co nome e a imaxe de Vidal Bolaño que ninguén destapou oficialmente. A presenza na rúa dun grupo de actores e actrices da Plataforma das Artes Escénicas ao que se lle sumou un ruidoso conxunto de vítimas das preferentes fixeron modificar o programa do acto sen que se producise a inauguración pública da placa. O presidente Núñez Feijóo entrou ás presas no último momento baixo un forte control policial e, á saída, a lápida estaba xa destapada, sen que o número un do goberno da Xunta partillase da inauguración e sen que a comitiva institucional se detivese un  momento protocolario en retirar a bandeira galega que cubría a lenda e a imaxe de Vidal Bolaño. 

"Entrou ás presas no último momento baixo un forte control policial e, á saída, a placa estaba xa destapada, sen inauguración oficial"

Tamén se ausentou o presidente da inauguración da exposición dedicada a Rosalía polo 150 aniversario de Cantares Gallegos na sede da Fundación Barrié en Vigo. Agardábase a presenza de Núñez Feijóo nunha das rúas nas que se ten sentido con máis forza a protesta das vítimas das preferentes, a só uns metros do que se coñece como cruce dos bancos e no que se sitúa a sede central de Caixanova. Malia o control policial que rodeou o acto, as persoas afectadas polo timo das  preferentes lograron introducirse no acto de inauguración ao que entraron sen portar os elementos que adoitan usar nas súas mobilizacións como as camisetas de diferentes cores das distintas plataformas que só exhibiron no interior do edificio. Sen embargo, Feijóo tampouco estaba nesta ocasión e, máis unha vez, a súa axenda fora modificada no último momento.

Comentarios