Feijóo di que nos 90 nen sequer militaba no PP

A estratexia de Feijóo é clara: fuxir do lume Bárcenas para disputar o liderado do partido a Esperanza Aguirre. En declaracións a xornalistas, Feijóo dixo hoxe que nos 90 -a época en que Pablo Crespo era o secretario de Organización do PPdeG e achegaba fondos provenientes da Gürtel- el nin sequera militaba no PP.

A estratexia de Feijóo aséntase sobre dous alicerces. Primeiro, non avalar a xestión do anterior presidente do partido e da Xunta, Manuel Fraga, para non verse salferida por ela. Segundo, si avalar a Rajoy, porque sen o apoio do aínda presidente do partido estatal e do Goberno español as súas opcións na carreira cara Génova diminuirían considerabelmente.

Este domingo, nun breve encontro coa imprensa, en Lalín, Feijóo considerou normal a preocupación que desperta na oposición o pretenso financiamento irregular do seu partido e o cobro por parte dos seus dirixentes de cantidades en negro. Mais a seguir desvinculouse de toda responsabilidade coa xestión pasada e enfatizou que nos 90 -con Fraga como presidente e Pablo Crespo como secretario de Organización- "nen sequer militaba no partido", polo que non é a persoa máis axeitada para xulgar o que nel acontecía. Xa non é que deite dúbidas sobre a forma en que o PP se financiaba até a súa chegada á presidencia, é que practicamente dá por suposto que as prácticas irregulares eran a norma.

Sobre Rajoy, feche de fileiras. A xuízo do presidente do PPdeG, onte Rajoy estivo contundente. "Non se lle pode pedir máis", dixo.

Comentarios