O 'caso Feijóo' continúa aberto despois de o presidente deixar sen contestar as perguntas chave

Feijóo non foi quen de zanxar o asunto da súa estreita amizade co nartotraficante Marcial Dorado. Empregou a estratexia de atacar a oposición e de desviar a atención. Mas implicitamente recoñeceu que a Administración Fraga contratou con Dorado na época en que o mafioso viaxaba e ía de festas con Feijóo. O caso Feijóo continúa aberto porque o presidente da Xunta foi incapaz de dar resposta ás perguntas básicas do caso. Por que amagou con demitir en 2003 e agora se resiste a renunciar? Quen pagaba as viaxes? Cando realmente rachou a relación co narcotraficante?

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: María Abelleira]

Algo máis de dúas horas durou a comparecencia do titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego, unha intervención pedida polo conxunto da oposición para que deitase luz sobre as imaxes en que pasea no iate do narcotraficante Marcial Dorado. Insistiu na liña de que alguén o quere "amedrentar", culpou a BNG e PSdG por ter filtrado as fotos e a posibilidade da demisión --pedida primeiro pol@s nacionalistas e despois por socialistas e AGE-- non a contemplou. O PPdG apláudelle

Non explicou como era posíbel que sendo o número dous na consellaría de Sanidade non sabía quen era o narcotraficante Marcial Dorado. Tampouco aclarou por que en 2003 lle presentou a súa demisión a Fraga e por que unha década despois se nega a demitir. Non dixo nada sobre o que Mariano Rajoy opinou ao ver as instantáneas, en 2004. Após o lapsus da neve nos Picos de Europa, non concretou cantas viaxes fixo en compaña do narco, nin quen as pagou. E non sinalou tampouco as persoas responsábeis desa trama tecida para o amedrentar. En resumo: o presidente da Xunta non dixo ren.

 

  • Após máis de dúas horas de intervención, finaliza a comparecencia de Feijóo. A palabra 'demisión' non a mencionou
     
  • E remata igual que comezou: acusando o PSOE. Di que @s socialistas foron ao seu despacho para lle pedir que non metese leña ao lume coa operación Campión e sinala a Pachi Vázquez
  • Gábase de sacar dúas maiorías absolutas fronte a quen o acusa de ser "un presidente ilexítimo"
  • "Se soubera a que andaba Marcial dorado non tería pousado en ningún caso con esa persoa", escúsase o presidente do Goberno galego. Dille a Jorquera que desde esta mañá "non está moi contento consigo mesmo" e insiste con Batasuna e co apoio a Arnaldo Otegi. Pídelle ao deputado nacionalista que "rectifique os seus valores"
     
  • Feijóo sobe ao estrado para pechar o debate
     
  • A comarecencia deixa claro a Puy que Feijóo "non ten nada que ocultar" e que non se deixará amedrentar "por moito que o amezan". Transládalle a confianza da formación conservadora e "a dos galegos e galegas de boa fe"
     
  • Di que el, ao igual que o movemento de loita contra a droga, cren que estas fotos reflicten un pasado en que a sociedade galega "foi capaz de reaccionar" para que os capos do narcotráfico non se inflitrasen na sociedade"
     
  • Pedro Puy arrinca a segunda quenda do PPdG sinalando que o seu xefe de filas "estivo especialmente ben" na súa comparecencia
     
  • Antes de concluír, lémbralle a Feijóo as súas propias verbas a respeito da publicación das imaxes de Quintana:  "o que ande con amizades perigrosas ten que presentar a súa demisión"
     
  • "O PP non veu aquí pedir perdón, senón exculparse"
     
  • Tamén se refire a Manuel Cruz, o "amigo común" ao que Feijóo se refire sempre para explicar a súa relación co narco. Di Vázquez que nos '90 Cruz mercaba empresas e púñaas a nome de Dorado
     
  • Pachi Vázquez empraza o presidente a dicir "quen o amedrenta" e dille que o seu dilema é "ser ou non ser", após 15 anos agochando os motivos polos que se relaciona con Dorado
     
  • Segunda quenda para o PSOE
     
  • O voceiro de AGE acusa o PP de "corruptos" e presenta unha declaración pola demisión de Feijóo asinada pol@s veciñ@s da Arousa
     
  • "Igual que os seus ancestros mataban xente no 36 agora farían o que fora por se manteren no poder"
     
  • Beiras di entender que a cidadanía diga cada día máis "non me representan" e apela á democracia directa como "necesidade urxente"
     
  • "Vostede demostrou hoxe que a súa indecencia non ten límites" e acusa aos deputados do PP de ter aplaudido cousas "que a min me daría vergoña"
     
  • Di que Nuñez o convenceu e que non merecen ser deputad@s. Ironiza: "a obra de Deus e a obra de Deus e a verdade revelada. Quen a teña ficará fóra de toda interpretación. Estamos en Trento"
     
  • Quenda de AGE. Volta Beiras
  • "Está a converter esta comparecencia nun ataque ao mensaxeiro" coas insinuacións verquidas arredor dos fotografos ou das persoas que poderían estar detrás da filtración, repróchalle o nacionalista
     
  • "Nunca o tomei por tonto. Vostede non sospeitaba de Marcial Dorado? Un cargo público ten a obriga de estar informado, a ignorancia non pode ser un pretexto", espétalle Jorquera
     
  • Jorquera di que este debate é sobre os ppios éticos que debe rexer a política: "estamos a falar da súa relación cun capo da mafia, cun narco"
  • Así remata a segunda quendade Feijóo. Inicia a oposición co BNG
     
  • "O único delito que cometin foi nacer nunha aldea de Ourense" e bate contra Beiras: "nin toco o piano nin estudei na Sorbonne"
     
  • Após varios minutos, continúa Feijóo. Quéixase de que foi o primeiro presidente que non foi saudado pola oposición despois de tomar posesión, mais que non espera nada des@s deputad@s: "eu débome aos galegos"
     
  • Moito rebumbio na sala de plenos e desde a oposición óuvense apupos a Feijóo. A presidenta da Cámara ameaza con suspender a sesión se os ánimos non se tranquilizan
     
  • "A oposición non me xulga. Xa me condenou cando gañei as eleccións de 2009"
  • Agora quere saber se o BNG coñecía as relacións co terrorismo de Batasuna cando a convidaban ao Día da Patria galega e pregunta "se lle doen tanto as vítimas do narcotráfico como as do terrorismo"
     
  • Di que "todo se saberá, todo" e pregúntalle a Pachi Vázquez se lle pode dicir á Cámara cando van saír máis fotos e cantas van saír
     
  • "A quen beneficiaba esta publicación?", pregúntase Feijóo, que acusa á oposición de acompañar as imaxes "coa insinuación" para que estas tivesen resultados. Sinala a Pachi Vázquez por "ter insinuado" relacións co narcotráfico e pregúntalle se está tranquilo co seu pasado e presente
     
  • Le unha frase de Touriño: "un dos maiores erros foi meter a Pachi Vázquez no goberno" e segue a repartir acusacións entre as filas da oposición namentres Pilar Rojo reparte chamadas á orde tamén para a oposición
     
  • Di ter máis respecto por Quintana e Touriño que polo PSdeG e BNG de agora. E sinala que ten información dos fotógrafos que fixeron aquelas fotos. Tamén informa de que tivo "unha audiencia" con Quintana após a rolda de imprensa da segunda feira pasada, o que demostra, ao seu entender, que ambos teñen "unha relación cordial"
     
  • Acusa ao bipartito de aprobar un concurso "que rozaba a prevaricación", en referencia ao eólico. Feijóo está a empregar a segunda quenda de intervención para bater contra os grupos da oposición falando da época do bipartito e sen se referir a Marcial Dorado nin ás instantáneas, o motivo da súa comparecencia perante a Cámara
     
  • Di que a oposición deu máis axudas ás empresas de dorado cando estiveron no goberno das que lle deu el. Recoñece entón que lle deu axudas
     
  • Remata a quenda do PPdG. Volve Feijóo
  • Desde as bancadas de AGE o deputado David Fernández berra a Feijóo: "Es un indecente!". Yolanda Díaz, vicevoceira da formación, quítao do pleno. Levaba xa dúas chamadas á orde. Tamén Ana Pontón (BNG) foi chamada á orde por Pilar Rojo durante a comparecencia de Pedro Puy
     
  • Ataca o PSdG co caso Campeón
     
  • "Vostedes viven permanentemente na infamia" di Puy e pregúntase "a onde van?". Respóndese a si propio: "como dixo o presidente, aí aí", sinalando ás bancadas da oposición 
     
  • Acusa a oposición de incorrer en infamia practis e di "isto é pre-democrático. De seguido coloca que "vostedes están a lle facer o xogo a estes señores que queren estourar o sistema"
     
  • Máis unha vez, as fotos de Quintana no iate do construtor Jacinto Rey, tomadas dous anos antes de seren publicadas. Puy considera que "non é razoábel" pedir a demisión dunha persoa que "non estaba na Xunta" cando sacou a foto en troca do caso Quintana en que "si estaba na Xunta". Apela ao Dereito romano por un "delito de infamia", igual que fixera Feijóo, e asegura que quen a cometía era xulgad@ e apartad@ das súas responsabilidades políticas
     
  • Presenta o presidente da Xunta como unha vítima ao sinalar que foi "utilizado" polos narcos para obter "recoñecemento público". Feijóo tiña 34 anos cando se tomaron as fotos na embarcación de Marcial Dorado
     
  • Repite o que xa dixo Feijóo: a culpa de que se filtrasen as instantáneas é da oposición
     
  • Asegura que daquela Feijóo era un mero "xestor do Sergas" que non tiña "ningún cargo" no Partido Popular". Era o nº2 da consellaría de Sanidade que dirixía Romay Becaría e era tamén o máximo responsábel do xa desaparecido Insalud
     
  • Remata Pachi Vázquez. Quenda do PPdG para Pedro Puy
     
  • "Agora ten que tomar unha decisión" pois vai ter "que levar ás costas" o resto da súa vida "esta relación". Pachi pídelle que demita como pediu a outras persoas
     
  • Pregúntalle se segue mantendo que rachou as relacións no 98 cando "existen conversas gravadas do 2001" e recoméndalle que "se o están amedrentando vaia á policía" porque non quere un presidente "ameazado e chantaxeado"
     
  • "Sr Feijóo, vostede é unha mentira", dille ao presidente da Xunta, a quen reprocha estar preocupado "só pola súa carreira"
     
  • Di que no 98 rachou a relación con Dorado cando o propio xuíz Taín recoñece que esa relación se prolonga no tempo a través de contactos telefónicos descupertos cos pinchazos telefónicos ao narco. "Eu paso o meu nadal coa miña familia non con alguén que non coñezo de nada" espeta Vázquez a respeito da viaxe a Cascais de Feijóo e Dorado
     
  • "Sabe que pasou no 93? 15.000 persoas manifestábanse en Vilagarcía "contra os narcotraficantes" namentres "vostede percorría as rías no iate do narcotraficante  
  • O PSdeG entrega un dossier con recortes de imprensa en que aparecen todas as novas que relacionan desde 1990 a Dorado co narcotráfico. "Un resume de medios pouco sospeitosos", di Vázquez en referencia a ABC e El Mundo
     
  • Remata Beiras. Quenda do PSOE. Fala Pachi Vázquez
  • Saca a relucir tamén as operacións contra o narcotráfico en que aparece inmerso Marcial Dorado cando a partir dos 80 comeza "a traxedia da xeración perdida" por sida e hepatite B. "Se vostede non coñecía quen era Dorado como pode gobernar este país", asegura Beiras, apelando ao descoñecemento da historia de Galiza amosado polo presidente
     
  • Beiras diríxese á bancada de convidad@s onde se atopan representantes das asociacións de nais contra a droga:"Vostede violou e está a violar os principios da ética política", dille a Feijóo, lembrándolle as orixes políticas "vinculadas ao fascismo"
     
  • Asegura que noutros países europeos demiten "por unha multiña de tráfico"
     
  • Recomenda o libro Un lugar tranquilo, onde se investiga en profundidade esta situación. Acrecenta que "é o colmo" que Feijóo "prexulgue a toda a oposición" cando era el o que estaba a se relacionar cos narcos
     
  • Acusa a Feijóo de inserirse nun "ambiente fascistoide" e coloca riba da mesa as relacións "co narcotráfico e o contrabandismo" de Alianza Popular, o partido que fundou Fraga
     
  • Considera Beiras que o presidente da Xunta quere exercer o "poder executivo, lexislativo e xudicial" 
     
  • Di sentir "unha indignación dificilmente recreábel"
     
  • Comeza confesando que cando viña para o Parlamento sentía noxo de ter que tratar un tema coma este "de moralidade e de conciencia" nunha Cámara de representantes e "máis aínda" após o pasamento "do meu sempre vello mestre e amigo José Luis Sampedro"
     
  • Rematou a comparecencia de Jorquera. Quenda de AGE. Fala o seu voceiro, Xosé Manuel Beiras
     
  • "Non é digno de ser presidente da Xunta unha persoa que se relacionou durante anos cun capo da mafia", un presidente "instalado na mentira". Asegura que "vostede xa sabía da existencia destas fotos" cando exixiu a demisión de Anxo Quintana "e agora di que as súas son irrelevantes". "Váiase, señor Feijóo", conclúe o nacionalista
     
  • Segue Jorquera: "Dorado procuraba recoñecemento social cando se relacionaba con vostede mentres as nais loitaban contra a droga, un problema de saúde públcia de primeira magnitude en Galiza"
     
  • "Vostede ocupaba xa un alto cargo. Vostede non comparece aquí por ter fumado un canuto nos seus tempos de mocidade, senón por ter relacións cun narco cando exercia responsabilidad  
  • Jorquera dille a Feijóo: "se vostede deixa a política non se convirta en detective privado". Ironiza polo "descoñecemento" amosado por Feijóo a respeito das actividades do capo
     
  • ABC (1990) 'O circuito da coca. Quen é quen' fala do procesamento de Dorado na maior operación contra o narcotráfico e considérase dirixente dunha rede internacional de branqueo procedente da droga na Peseta conection. "E vostede até 1997 non se enterou?", espétalle a Feijóo o nacionalista
     
  • Jorquera dille a Feijóo que na ditadura un cidadán contou a un xornalista que nas súas viaxes vía moitas cousas que non se sabían no réxime e que o xornalista recomendoulle: "lea máis os xornais e viaxe menos"
     
  • "Vostede non coñecía as actividades de Dorado como a infanta Cristina non sabía dos negocios do seu marido"
     
  • Pregúntalle por que presentou a demisión en 2003 a Fraga e agora di que todo é "unha infamia". Jorquera unha imaxe da 'xeración perdida' de Vilanova
     
  • "Pretende que nos quedemos mirando o dedo cando alguén apunta á lúa"
     
  • "Vostede acusa a esta sesión arrastrado polas orellas por parte da oposición"
     
  • Quenda de intervencións da oposición. Arrinca o BNG. Fala Francisco Jorquera
     
  • Asegura ter conciencia tranquila se todo o que poden dicir del é que se sacou unhas fotos hai 20 anos.
     
  • Aplauden desde as bancadas do PP
     
  • "Poñía Felipe González a man por Pablo Escobar?" Pablo Escobar era un narcotraficante colombiano a quen González convidou a vir a Madrid. Di se BNG pon a man no lume por Batasuna, Bildu e Amaiur "cren que poden dar exemplo de ética cando aplauden o discurso de Otegi no cárcere, non hai 20 anos, agora"
     
  • "Xamais contratei nin adxudiquei nada a esta persoa que non estaba acusada de nada", malia que a operación Nécora na que estivo imputado Dorado data desa mesma época, dos '90
     
  • E insiste na "infamia". Volve bater na oposición, que dixo non estar detrás das fotos malia recoñeceren que sabían da súa existencia antes das eleccións. Pregúntase por que as precisaban para exixir explicacións a respeito dos contratos no Sergar/Insalud. "Precisaban as fotos para insinuar, porque a verdade se frustra coa infamia"
     
  • Di que deixou de ver a Dorado hai 14 anos e que o único que fixo foi felicitarlle o aninovo e o aniversario aínda que recoñece "é difícil recordalo"
     
  • Volve arremeter contra a oposición asegurando que "quedou retratada" após amosar que "o seu xeito de facer política é coa infamia"
     
  • "Vostedes insinúan porque a verdade frustra a infamia da cal pretendían esconderse", apunta, e sinala que á oposición lle molesta que o xuíz Antonio Vázquez Taín lembrara o que fixo daquela como maxistrado.
     
  • Sinala que tres ex-presidentes do PSOE lle trasladaron a súa "vergoña" pola actitude "dos seus actuais líderes"
     
  • "Señorías eu dou a talla, vostedes non teñen dado a talla" e asegura que a única novidade a respeito das fotos foi "que se publicaran" pois todos sabían que existían
     
  • Continúa co discurso do medo mais di que "coa tranquilidade que dá a verdade" deixou que as publicaran porque "cre na liberdade de imprensa"
     
  • "Hai dúas décadas equivoqueime" e pide desculpas por iso
     
  • Nega máis unha vez a súa relación co narco e bate contra Pachi Vázquez e contra o PSOE por filtrar as fotos. Tamén culpa á oposición de lle ter pedido explicacións. Volve, máis unha vez, repetir o discurso da chantaxe malia que na súa primeira comparecencia, no local do grupo parlamentar do PPdG, non soubo dicir quen era o responsábel de tales feitos
     
  • Feijóo inicia a súa comparecencia no Parlamento galego para dar explicacións das imaxes co narco Marcial Dorado. Por elas pediu a súa demisión primeiro o BNG e despois AGE e PSOE
     

Comentarios