Feijóo apunta o PSOE como indutor da publicación das fotos co narco mentres El País o nega

En senllas entrevistas coa Cope e Onda Cero, Feijóo apuntou esta mañá o PSOE como indutor da publicación das súas fotografías co narcotraficante Marcial Dorado. El País nega a versión do presidente.

Alberto Núñez Feijóo comeza a apuntar cara as persoas que di o tentan "amedrentar" coa publicación das fotografías que ilustran a relación de estreita amizade que nos 90 mantivo co contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado. O presidente do Executivo galego deixa caer que foi o PSOE quen induciu a El País para que estas foran publicadas. Así o asegurou en senllas entrevistas concedidas ás cadeas Cope e Onda Cero esta mesma terza feira. 

O presidente da Xunta referiuse á reunión que mantivo con Xosé Hermida -delegado de El País en Galiza e autor da información que destapou o escándalo- en que aquel lle amosou as imaxes (foi o xornalista quen solicitou o encontro para recabar a versión de Feijóo sobre a súa relación con Dorado. Segundo a versión de Feijóo, Hermida teríalle transmitido que "o PSOE nos chamou varias veces a ver se podiamos publicar as fotos, mais non as tivemos, e agora que as temos publicámolas". 

O delegado de El País di ter pescudado para garantir que as fotografías non estivesen a ser utilizadas en ningún tipo de chantaxe ou ameaza

Porén, Hermida --que asina a información canda a Elisa Lois-- desmente con rotundidade á axencia EFE o relato do presidente da Xunta. El País "non recibe ordes de ninguén", asegurou o xornalista, quen puntualizou: "As fotos foron obtidas por medios legais". Segundo Hermida, o diario pescudou para garantir que as imaxes publicadas o pasado domingo "non eran obxecto nin de chantaxe nin de ameaza". 

Nas entrevistas radiofónicas, Feijóos teimou en que é vítima de amezas desde 2003 e acusou o PSOE de ter intensificado as presións desde 2009 para as fotografías saíren á luz. No entanto, o líder do PSdeG, Pachi Vázquez negou esta terza feira ter visto as imaxes con anterioridade á súa publicación no diario. Así as cousa, si recoñeceu ter escoitado "rumores" da relación entre Feijóo e Dorado.

En declaracións a RNE, Pachi Vázquez afirmou que boa proba de que o PSdeG-PSOE non ten nada a ver coa filtración é que estas fotos aparecen meses despois das eleccións galegas e non antes, cando claramente poderían ter influído no seu resultado.

Comentarios