Feijóo abre a billa a que Ence fique na Ría de Pontevedra, co que incumpriría o seu programa eleitoral

Declaracións de Feijóo ao termo do Consello da Xunta, que esta semana se realizou na sexta feira. O presidente do Goberno galego abriu a billa a que Ence fique na Ría de Pontevedra após expiar o período da súa concesión (2018). Feijóo argumenta que a nova Lei de Costas muda o panorama. "Imos ver que oferta Ence. Que melloras económicas propón", dixo.

Feijóo argumentou que a nova Lei de Costas non supón unha "prórroga automática" para a concesión de Ence e salientou que a Xunta ten competencias sobre o asunto, ao ter de emitir un informe de carácter medio-ambiental.

A Xunta de Galiza "avaliará polo miúdo" a situación e terá moi en conta "que oferta Ence". Isto é tanto como dicer que a pelota está no tellado da empresa pasteira e que o Goberno galego estaría disposto a facilitar a prórroga da concesión.

Así se manifestou esta mesma semana o presidente de Ence-Elnosa Juan Luis Arregui, ao asegurar que o escenario que manexa a factoría é o da súa permanencia en Lourizán para alén do 2018. Neste senso, Arregui asegurou que desde Ence farían todo o posíbel porque isto fose así. 

Malia que Núñez Feijóo non quixo aclarar cal será finalmente a decisión da Xunta --supeditándoa en todo caso á oferta que faga Ence-- o certo é que o presidente do PP de Pontevedra, Rafael Louzán afirmou que é "inviábel" o traslado da factoría e que "a riqueza" que di xera a pasteira na comarca condiciona o seu mantemento na ría. Louzán non dubida que a súa formación política apoiará máis unha prórroga a Ence. 

Pola súa banda, Feijóo admitiu que a prórroga da concesión representaría un incumprimento do programa eleitoral co que concorreu o PP ás pasadas eleccións de Outubro. O cambio xustificouno en que a nova Lei de Costas, impulsada polo PP no Estado, tería mudado o contexto.

Comentarios