Federico Gutierrez Estoa, alcalde de Riotorto “Traballamos para que a crise non afecte aos servizos sociais da veciñanza”

Riotorto é un concello pequeno, de 1400 habitantes, que lle pon freo aos recortes sociais e mesmo, en tempo de crise, incrementa os servizos para a veciñanza. O seu alcalde, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, mantén que en tempos tan duros cómpre desde as institucións públicas estar ao pé das urxencias da veciñanza e niso inviste boa parte dos recursos do concello.

Federico Estoa
photo_camera Federico Estoa

No seu segundo mandato, Federico Gutiérrez Estoa (BNG) conseguiu que Riotorto sexa vangarda en programas como a Rede de Dinamización Local ou a xestión de novas iniciativas como “Receitas na casa”. 

-Nestes seis anos que leva á fronte do goberno local, que cambios experimentou o concello de Riotorto? 

O primeiro cambio foi a democratización e a transparencia nos asuntos públicos. Riotorto é un concello rural, de 1.400 habitante, e o que pretendemos desde o inicio é achegar a veciñanza aos servizos, máis tamén o ocio. De especial importancia foi artellar a Rede de Dinamización Local, que funciona en todo o concello promovendo a participación de veciños e veciñas. 

-En que consiste a Rede de Dinamización Local?

" De especial importancia foi artellar a Rede de Dinamización Local, que funciona en todo o concello promovendo a participación de veciños e veciñas". 

Tiñamos un conxunto de escolas unitarias sen lles dar uso e o que fixemos foi arranxalas e darlles vida. Contamos con dinamizadores que van todos os días atendelas nun horario establecido e alí fanse as actividades e ofréceselle á veciñanza un lugar onde se xuntar. O que percibimos é que contribúe a que as persoas saian das súas casa e á socialización da comunidade. Os propios veciños marcan a actividade que se vai desenvolvendo. Buscouse que se implicaran activamente no seu funcionamento. Son un instrumento para a participación veciñal, tamén para escoitar as propostas e as queixas dos veciños. A xente botaba ás veces toda a semana sen saír da casa e agora, con estas escolas abertas si que saen para se encontrar e falar. 

-Malia ser un concello pequeno, cunha poboación envellecida, Riotorto decidiu non cobrar axuda a domicilio. Que supón esa insubmisión ao repago?

Cunha poboación tan avellentada a demanda de axuda no fogar é moita, é certo. A Xunta deixou de financiala, quedando así os concellos na estacada, co gasto feito e sen financiamento. Nós decidimos manter o servizo sen cobrar nada por el. En certa maneira, estamoslle a botar un pulso á Xunta, que quere que lle cobremos aos usuarios. 

"Mantemos o servizo gratuíto de axuda a domicilio malia a Xunta deixara de financialo"

-Se de insubmisión falamos, páganlle a extra ás persoas que están empregadas no concello?

Temos tres funcionarios e tres laborais que cobran as súas pagas extras. Aprobamos unha moción ao respecto e estamos pagando a través do complemento de produtividade. 

-O concello non tivo que facer recortes en servizos sociais? 

Defendemos a necesidade de manter e mesmo incrementar os servizos sociais. Puxemos, poño por caso, en marcha o programa “Receitas na casa” polo que unha persoa se encarga de xestionar as recetas dos veciños e veciñas que non teñen posibilidade de acudir á farmacia. Démonos conta de que a xente maior, que é a que máis medicamentos consome, non tiña transporte para ir pola súa propia conta buscar as medicinas e por iso xestionamos este servizo en coordinación coa farmacia do concello, que se presta a colaborar para facilitar o acceso. 

" Co programa “Receitas na casa” polo que unha persoa se encarga de xestionar as receitas dos veciños e veciñas que non teñen posibilidade de acudir á farmacia"

-Como conseguiron que un concello tan pequeno teña servizo de fisioterapeuta e podoloxía?

O obxectivo é loitar contra o despoboamento. Buscamos que en Riotorto se poida dispoñer do que se precise e, desta maneira, desde o concello fíxose a xestión para que se desprazaran profesionais uns días concretos e nós cedémoslle un local. Os veciños teñen posibilidade de sesións de fisioterapia e podoloxía a uns prezos especiais, polo acordo chegado co Concello. 

-En Riotorto ten a sede a Cooperativa de Labregos de Lugo. Por que se instalaron no concello?

Polo apoio que desde o concello se lles deu para que montaran aquí a súa sede. Hai socios de Riotorto mais tamén doutros concellos limítrofes. Estanse ademais integrando algúns viciños novos á cooperativa. Recupéranse para a produción terras abandonadas e o máis interesante é que se está incorporando xente nova que pode atopar así unha saída en tempo de crise. 

"Cos mercados de tempada animamos ao consumo de produtos locais"

-Outra iniciativa anovadora do seu goberno foron os mercados de tempada. Con que obxectivo foron creados?

Son mercados que se desenvolven cada trimestre, segundo as estacións do ano. A idea era darlle saída a esa pequena produción que a xente ten da súa horta e a produtos ecolóxicos. Queriamos tamén dinamizar a hostalería local con estes eventos. Facemos catro ao ano, con bastante éxito de participación. Do que se trata con esta iniciativa é de convidar a consumir produtos locais. 

-Na páxina oficial do concello, unha das novidades é ter aberto un tanatorio público. Por que apostaron por crear ese servizo a custa do concello e non optar por un privado?

Era unha demanda veciñal importante porque non dispoñiamos do servizo. Cada vez que había un morto tiñamos que ir a Pontenova e aproveitando o Plan E decidimos construír un pequeno que é un servizo gratuíto para a veciñanza de Riotorto. Cantos máis servizos públicos se habiliten con maior forza paramos a fuxida cara outros concellos máis grandes.

"Cantos máis servizos públicos se habiliten con maior forza paramos a fuxida cara outros concellos máis grandes".

-A Feira da Artesanía do Ferro chega a súa VII edición, Que supón no calendario anual de Riotorto?

A artesanía do ferro é un potencial singular noso. Se Riotorto é coñecido é polos seus ferreiros. Contra o que acontece noutros concellos do país, aquí aínda quedan unha ducia en activo. Un dos nosos obxectivos é dignificar a profesión e elevar a autoestima dos ferreiros mais tamén dinamizar a economía, en especial, o comercio e a hostelaría local así como contribuir á promoción turística do Concello. Hai dous anos desenvolvimos un obradoiro de rapaces co obxectivo de incorporar xente moza ao oficio porque a idade media era xa avanzada e podía desaparecer. Incorporáronse dous rapaces e queremos que o oficio continúe vivo en Riotorto, mesmo que se reinvente conforme os tempos actuais. 

 "A veciñanza emociónase ao se topar coa súa propia memoria". 

- Como se coida da memoria e a identidade nun concello tan pequeno?

Nós vimos como o patrimonio se destruía. Cando un veciño morre ou cando unha casa cae vai canda el unha parte da nosa historia. Tentamos conservar a memoria e, por iso, nas escolas unitarias creamos micromuseos e fomos recollendo patrimonio, desde a tradición oral ata elementos etnográficos, históricos, musicais ou fotográficos. A veciñanza emociónase ao se topar coa súa propia memoria. 

Comentarios