“Por favor, señor Cameron, acepte Galiza como parte de Reino Unido se Escocia se independiza”

Unha campaña en change.org diríxese ao primeiro ministro británico, David Cameron, para rogarllee que se Escocia se independiza, cubra ese baleiro con Galiza. Se os celtas do norte deciden no referendo de 2014 rachar co Reino Unido, os celtas do sur ofrécense para ocupar o sitio, indica o promotor da campaña.


“Propoñémoslle que acepte Galiza como parte integral de Reino Unido se Escocia opta pola independencia en 2014”. Eis a proposta que o vigués Antonio Formoso Cores fai desde Vigo, e a través de change.org, ao primeiro ministro británico, David Cameron. Ridiculismo, retranca política, desexo arredista peneirado polo humor, cabreo após a sentenza da xustiza española sobre o Prestige ou simplemente gañas de brincadeira? Cada quen que risque a opción que lle chiste (ou que lle proa).

Unha proposta coa que tamén Reino Unido sairía gañando, pois Galiza é unha agradábel sorpresa. Unha opción para cubrir o baleiro da marcha de Escocia. Para comezar, temos gaiteiros (coma os escoceses). Mais a listaxe inclúe moitos puntos en común, citados polo impulsor da idea: se eles teñen o Celtic de Glasgow, “nós, o Celta de Vigo”. "Bebemos tanto ou máis que os escoceses", ambas as dúas son “atlantic countries”, nos dous países chove a eito, as bandeiras son de cores semellantes (co branco e azul), unha identidade propia moi forte.

Que somos do melloriño!

Na petición enumérase toda unha serie de cuestións coas que a Vella Albión sairía gañando de aceptar a Galiza: desde ter xente que sabe traballar duro até poder acceder a comidas e bebidas deliciosas, pasando pola potencia económica (pesca, textil...) ou, mesmo, conta coa mellor praia do mundo: Praia de Rodas, nas Cíes.

 

Comentarios