Falece o político e empresario galeguista José Posada

Fundador de Marrón Glacé S.L., escritor e enólogo, entrou en política para transmitir as súas ideas galeguistas.
José Posada
photo_camera José Posada


José Domingo Posada faleceu de madrugada en Ourense. Político, empresario, escritor e enólogo, nacera en Vigo en 1940. A Associaçom Galega da Língua (AGAL) fixo públicos os seus mais sentidos pésames diante da morte de José Posada, socio de honra desde 2005. O Secretario Xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, lamentou “profundamente” a morte de José Posada, militante da organización. "Supón para a CxG e para Galiza a perda dun galeguista con maiúsculas". Bascuas destacou de Posada a súa actividade empresarial "en clara clave de país" e "o seu amor á terra", aliás de lembrar que foi o primeiro eurodeputado “dunha forza xenuinamente galega".

A dedicación de José Posada ao mundo empresarial tomou o camiño do éxito a partir da fundación, en 1990, da empresa Marrón Glacé S.L., herdeira da que seu pai creara a mediados dos anos 50. O seu espíritu emprendedor sempre tivo a Galiza como protagonista das súas iniciativas. Por este motivo entrou en política até a actualidade con Coalición Galega ou a participaren das caixas galegas como presidente do Consello de Administración de Caixa de Aforros Provincial de Ourense.

O seu enterro será na intimidade familiar mañá día 15 de xaneiro no cemiterio de Santa Mariña (Ourense) ao redor das 17 horas.

Político

As súas ideas galeguistas levárono a participar en Coalición Galega, formación que chegou a presidir. Posada foi membro do Parlamento Europeo por este partido en 1993 e 1994. En xaneiro de 1999 regresou ao Parlamento Europeo tamén como deputado por CG. Neste período quedou para a história como o primeiro deputado en empregar o galego-portugués de forma oficial na cámara. Como Eurodeputado asistiu, en calidade de observador da UE, ás eleccións de 1994 na Federación Rusa. Este traballo repetiuno en Ucrania nas Eleccións de 2004, desta vez enviado polo Congreso dos Estados Unidos. Na actualidade militaba na formación Compromiso por Galicia.

Escritor e namorado do viño

José Posada escribiu varias publicacións centradas, unha grande parte, no mundo do viño. Sobre aspectos vitivinícolas escribiu “Os viños de Galicia” (Galaxia, 1978), “Manual de los vinos y aguardientes de Galicia” (Penthalon, 1981) e “Metafísica del vino” (Irmandade dos Vinhos Galegos, 2001). Ademais escribiu varios artigos, ponencias e traballos. Colaborou na "Gran Enciclopedia Galega" na verba "viño" e en varios medios de comunicación do país.

Sobre o mundo do viño participou como membro da “Comisión Organizadora das Xornadas Técnicas de Estudo e mellora dos viños galegos”, cun libro publicado por Caixa Rural en 1984. O seu amor polo viño levouno a ser xerente da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro e a ser secretario perpetuo da Irmandade dos Vinhos Galegos.

Empresario

José Posada fundou en 1990 a empresa Marrón Glacé S.L., unha factoría que transformou a castaña nun produto exportábel a medio mundo. Esta empresa familiar que comezou exportando castañas galegas a Brasil para logo apostar pola súa reelaboración e distribución en novos mercados. Desde 1974 foi Conselleiro-Delegado de “UNEXCASA”, Unión de Exportadores de Castañas de Vigo, e entre 1982 e 1984 presidente da Asociación Empresarial do Polígono de San Cibrao das Viñas. Alías, formou parte de varios consellos de administración como o de “TOMÓVIL, S.A.”, representación e distribución de FORD en Ourense, e Director Xeral da empresa “RISP, LTD” para a produción de Champansky e viños.

As entidades de aforros tamén chamaron a súa atención como ferramenta de vertebración do país. Por este motivo foi presidente do Consello de Administración de Caixa de Aforros Provincial de Ourense entre 1984 e 1987.

Comentarios