Extraballador@s da Torre de Hércules falan do faro romano co consultor da Unesco, Paul Simons

O membro do Icomos transmitiulles a súa solidariedade e indicou que estudará a carta que o persoal remitiu hai unhas semanas á Unesco.
Torre de Hércules
photo_camera Torre de Hércules

Un grupo de extraballadores e traballadoras da Torre de Hércules expuxeron, nun encontro informal, o conflito “real” que existe no faro romano a Paul Simons, membro do Comité Británico de Icomos –organismo consultor da Unesco-, que estes días visita A Coruña no marco da elaboración do novo Plan Director da Torre de Hércules. Un dos ex traballadores, Óscar López, foi o encargado de explicar a Simons a situación laboral e técnica da Torre: as supostas obras previstas polo Concello no faro, os despedimentos, a negativa a recoñecer o dereito á subrogación, a xudicialización do conflito, as mobilizacións contra o peche do monumento Patrimonio da Humanidade, etc.

O membro do ICOMOS asegurou que ía estudar a carta que os traballador@s remitiron á Unesco

O experto británico, apuntan os traballador@s, dixo que o Concello tiña informado da rescisión do contrato coa empresa que mantiña a concesión dos servizos da Torre, pero amosouse sorprendido pola existencia de demandas xudiciais por cuestións laborais e a existencia dun concurso de prazas temporais para os servizos do faro romano. Por iso, aínda que Simons lles dixo que, antes de pronunciarse de xeito oficial agardará a coñecer o contido das sentenzas, trasladou @s afectad@s a súa solidariedade e apoio.

López tamén lle expuxo a problemática que pode xurdir se as sentenzas resulten favorábeis @s ex empregad@s, porque  nese caso habería máis persoal do necesario e o Concello tería que despedir ás persoas contratadas a través do concurso temporal. Así mesmo, o membro do ICOMOS asegurou que ía estudar a carta que os traballador@s remitiron á Unesco solicitando cita co director, Kishore Rao, para abordar, na súa totalidade, a problemática que rodea ao emblemático monumento.

Comentarios