Expulsan do Parlamento aos representantes da Plataforma Galega de Artes Escénicas

Pilar Rojo ordenou a expulsión do Parlamento dos representantes da Plataforma Galega de Artes Escénicas e Musicais, durante a pregunta que a deputada do BNG Ana Pontón realizou ao conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez. O conselleiro de cultura rexeitou falar do futuro das redes culturais e provocou a protesta unánime do sector presente no Parlamento. Vídeo no interior.
Ana Pontón realiza a pregunta ao Xesús Vázquez
photo_camera Ana Pontón realiza a pregunta ao Xesús Vázquez

Ana Pontón, voceira de Cultura do BNG, preguntou ao goberno galego no pleno de hoxe no Parlamento a respecto da situación na que se atopan as redes de programación musical e da escena de Galiza. Entre o público vari@s membros da Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais seguían con interese o desenvolvemento da sesión para escoitar a resposta de Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura.

A voceira do BNG presentou os datos do último estudo do Consello da Cultura Galega, realizado en 2009, que sinalan que este sector representa o 2% do PIB e o 2,5% do emprego no país. "Agora a maior parte das persoas están no desemprego ou tiveron que emigrar, vostede en menos de catro anos tenta destruír o que con tanto esforzo se fixo nas última décadas, non teñen ningún tipo de estratexia". Pontón sinalou que os países máis avanzados do mundo son aqueles que teñen en conta a súa cultura. "Aquí eliminan a Consellaría de Cultura, reducen os orzamentos moi por riba dos doutras consellarías e levan meses sen director de AGADIC". Ao remate da súa intervención botoulle en cara a Vázquez que non quixera reunirse co sector.

Ana Pontón: "Pido o amparo por non responder á pregunta, é unha falta de respecto para nós, as persoas que nos votan e ás persoas que viven nese sector e que están aquí presentes"

O Conselleiro de Cultura e Educación respondeu que o seu departamento realizou "un verdadeiro esforzo por manter o apoio ao sector en tempos de menos recursos públicos". Vázquez sacou do peto a frase máis repetida no seu partido nos últimos anos cando dixo que "os cidadáns encomendáronnos a nós a responsabilidade de toma de decisións para manter a nosa cultura". Rexeitou a idea de que tratan mal á cultura e insistiu en que "estamos a apoiar á cultura galega". Chegou a asegurar que están a colaborar con concellos "na dinamización e promoción de produtos culturais" e que mantiveron reunións con membros da Plataforma Galega das Artes Escénicas. "Non hai falta de diálogo nin desinterese por parte da Consellaría".

"Pido o amparo por non responder á pregunta, é unha falta de respecto para nós, as persoas que nos votan e ás persoas que viven nese sector e que están aquí presentes". Pilar Rojo, presidenta do Parlamento, non aceptou a petición e respondeulle que "vostede pregunta o que lle parece e o conselleiro responde o que considere". A deputada nacionalista pediu que o conselleiro recibira ás persoas da Plataforma que estaban presentes como convidadas no público.

Na segunda intervención de Xesús Vázquez, após a actitude do conselleiro de non respostar sobre á pregunta directa da deputada do BNG, os membros da Plataforma puxéronse en pé mentres a presidenta do Parlamento dicíalles que "vostedes non teñen nada que dicir aquí". Após estas palabras pediu o desaloxo dos membros da Plataforma.

Desmantelamento da cultura galega

"É unha burla ao Parlamento, a todos os cidadáns galegos e á cultura", asegurou Ana Pontón no exterior do Parlamento após a improvisada conferencia de imprensa d@s membros da Plataforma, "que non diga que vai pasar coa programacións das redes culturais, unha peza importante que permitía que neste país houbera teatro, cine, música". A nacionalista asegurou que o seu partido ten moi claro que "se non convocan por un impedimento político as redes asistimos a unha mestura perversa e intento claro de desmantelamento da cultura galega".

Até a actualidade funcionan tres redes en relación á programación cultural. A Rede Galega de Teatros e Auditorios, creada en 1996, non convocou aínda a súa reunión anual e as redes de Salas e de Música ao Vivo, creadas en 2007, viron reducidas ao mínimo a súa capacidade de acción polos recortes que aplicou a consellaría que dirixe Xesús Vázquez.

Declaracións d@s membros da Plataforma expulsad@s do Parlamento

Comentarios