"As explotacións están preparadas para a supresión das cotas, o máis preocupante é a industria"

Edelmiro López Iglesias participa esta quinta feira en Santiago nunhas xornadas organizadas pola Federación Rural Galega (Fruga) sobre a eliminación das cotas no sector lácteo.

Foto-Edelmiro-López-3
photo_camera Edelmiro López Iglesias

'Perspectivas e tendencias do sector leiteiro galego nun horizonte sen cotas' pretende xerar un espazo no que debater as perspectivas do sector perante a eliminación das cotas a partir do 1 de abril de 2015. López Iglesias é "optimista" a respeito das potencialidades do sector leiteiro galego mais sinala como fundamental o deseño de políticas públicas que pulen por unha industria transformadora forte e por un outro modelo de relacións entre produtores, industria e distribuidoras para rematar coa "lei do máis forte". 

As xornadas xiran arredor da supresión das cotas lácteas en 2015. Como se prevé ese horizonte?
O sector, despois de sobrevivir e ser dinámico durante as tres décadas de cotas ten que facer fronte ao reto que supón a súa eliminación. Neste senso, eu persoalmente son optimista no tocante á produción. O que é máis preocupante é a situación da industria de transformación. 

Cal é o reto?
As tres grandes tarefas que temos por diante esquetatizaríaas da seguinte maneira. A primeira é sermos capaces de producir leite moito con explotacións máis ligadas á terra. E, polo tanto, producir o mesmo ou máis a un custe menor e de maneira máis sostíbel. Para isto é imprescindíbel non mercar os insumos fóra e abordarmos o eterno problema da terra. A respeito da industria o reto está en sermos capaces de reforzala para que consolide o mercado de leite líquido e vaia producindo produtos máis elaborados e con valor engadido. Este é o aspecto máis complexo pois precisamos un segmento empresarial --de capital galego ou asentado en Galiza-- que tire por ela. É dicir, consolidar unha industria láctea galega. Finalmente, a terceira cuestión é organizar as relacións entre produtores, industria e distribuidoras pois até o de agora rexe a lei da selva, a do máis forte que son case sempre as distribuidoras. Mais é imposíbel avanzar nisto sen un papel forte da Xunta de Galiza. 

"Galiza precisa un segmento empresarial galego forte que tire pola industria transformadora"

Ao longo deste tempo e fronte a eliminación das cotas, cal foi o papel do goberno galego?
Se temos en conta os aspectos anteriores o papel da Xunta foi o de quitarse do medio e que lle salferise o menos posíbel. Comezando polo final a Xunta na Mesa do leite e no Observatorio o que fixo foi deixalos desactivados á espera do que fixera o Estado española e a UE, embora producirmos o 40% do leite do conxunto do estado. A respeito da industria só hai que ver o resultado de Alimentos Lácteos, a súa grande aposta. Fechou, hai un concurso de acredores e aos gandeiros adebédaselles diñeiro. 

Coida que as explotacións están preparadas para afrontar esta nova etapa?
Creo que, en xeral, si. Certo é que será preciso repensar o modelo, non van poder seguir producindo mercando os insumos fóra, o que exixirá aprender de novo a producir forraxe. Mais en comparanza con outros territorios Galiza atópase nunhas condicións semellantes á doutros espazos do centro e norte de Europa. Na última campaña, 2013-2014, as industrias galegas medraron nun 4% mentres que a media do Estado --sen Galiza-- só o 0,4%. Porén, fica claro que sen industria e sen outro modelo de relacións entre os distintios axentes, a partir de 2015 as explotacións tamén poden pasalo mal. O que aconteza dependerá das políticas públicas. 

Comentarios