Juárez apunta Resistencia Galega como responsábel da explosión no concello de Baralla

A explosión aconteceu por volta das 04.40h desta cuarta feira, 1 de outubro. As investigacións continúan sobre o terreo mais o delegado do goberno español, Samuel Juárez, atribúea xa a Resistencia Galega.

Esta cuarta feira, unha explosión causou importantes danos materiais na Casa consistorial de Baralla (Lugo). Segundo informou a primeira hora da mañá a Radio Galega, os feitos aconteceron por volta das 04.40 horas e até alí se desprazou un importante dispositivo da Garda Civil e da polícía científica que, arestora, continúan a desenvolver investigacións sobre o terreo, onde se atopa tamén o alcalde, Manuel González Capón.

A veciñanza desta localidade da montaña luguesa asegurou ter sentido un "forte ruído" de madrugada. Pouco despois evidenciáronse os danos materiais ocasionados por un forte estourido. 

O responsábel de Protección Civil do Ourol responsabiliza a "os cachorros do BNG" da explosión en Baralla através da súa conta de Twitter

O alcalde, "cabreado" e "indignado"

Até o momento, as forzas policiais afirman que "todas as hipóteses continúan abertas". Pola súa banda, González Capón sinalou que a explosión foi "evidentemente" intencionada. O rexedor de Baralla, que hai un ano protagonizou unhas polémicas declaracións ao dicer que as vitimas do franquismo "o merecían", dixo sentir "cabreo" e "indignación" polos acontecementos. 

Pola súa banda, o delegado do goberno español en Galiza, Samuel Juárez, afirmou que --embora non remataren as investigacións-- todo apuntaría a unha acción "de Resistencia Galega", pois, sinalou que "o modus operandi" se correspondería co da explosión acontecida no Concello de Beade (Ourense) hai un ano e que tamén fora atribuída a este grupo. 

O delegado do goberno español sinalou en declaracións ao programa Galicia por Diante que "o artefacto" explosivo situado "fóra" do concello "ten composición de pólvora 3/5kl" inserida "nunha ola". 

Comentarios