A Eurocámara debate sobre as rías galegas coa contaminación como pano de fondo

Esta segunda feira (16 de decembro) o Parlamento europeo debaterá o informe elaborado sobre o estado das rías galegas elaborado pola misión de investigación enviada desde Bruxelas. O ton amábel do texto final contrasta coa realidade destes espazos e coa morea de emendas presentadas mesmo por integrantes da delegación enviada pola Eurocámara.

 

O pasado mes de febreiro, unha delegación integrada por tres europarlamentares visitaba as rías da Coruña, Ferrol e Vigo para valorar de primeira man o seu estado. A viaxe, que fora adiada en abril de 2012 a petición do Partido Popular, viña motivada polas múltiples solicitudes rexistradas na Comisión de Peticións do Parlamento europeo por asociacións ecoloxistas que denunciaban o mal estado das rías galegas. 

84 emendas a un texto compracente coa actuación da Xunta

Após a visita e longas conversas entre @s integrantes da delegación, o xefe da misión de investigación, o conservador Philippe Boulland, emitiu un informe final no que recolle as conclusións tiradas da visita.

O texto será sometido a debate esta segunda feira (16 de decembro) na Eurocámara e conta mesmo con emendas presentadas polas outras dúas integrantes da comitiva, a austríaca liberal Angelika Werthmann e a letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka. Aliás, das 84 emendas achegadas, 16 foron rexistradas pola deputada do BNG, Ana Miranda.  

As críticas chóvenlle ao texto pola súa condescendencia cunha realidade ecolóxica marcada pola grave contaminación denunciada mesmo pola propia delegación europea. As rías galegas, espazos naturais únicos dun alto valor medioambiental e económico, acaparan o 80% das zonas co nivel máis alto de contaminación fecal do Estado e mesmo unha delas, a de Ferrol, conta cunha zona categorizada como de exclusión na enseada de Carranza. Un espazo no que está prohibida a recollida de marisco e bivalvos por constituír un delito contra a saúde pública. 

O propio Boulland aseguraba no seu paso pola ría da Coruña que a situación era "escandalosa". Os lodos acumulados --cunha altura de até 2 metros de altura-- mesmo chegaron a causar a morte dun veciño. Porén, no informe redactado finalmente, o eurodeputado conservador facía unha concesión ás administracións galega e española ao valorar o suposto esforzo realizado por estas por mellorar o estado das rías.

Lodos contaminantes, augas fecais, residuos urbanos e industrias perigosas

No entanto, as cifras non concordan co expresado polo deputado. E é que desde a época de Fraga aínda non se cumpriron os compromisos alcanzados con Bruxelas para o saneamento das rías, malia os fondos europeos recibidos. Desde o Partido Popular teiman en asegurar que a situación mellorou mais o certo é que os colectores urbanos continúan a enviar residuos directamente á auga nunha ría de Vigo na que se está a construír, a día de hoxe, unha depuradora. 

Mais esta realidade non atinxe só a Vigo. A ría da Coruña conta con lodos de perto de 2 metros de altura, altamente contaminantes. En Ferrol, o perigo de Reganosa e as augas residuais deixan a ría nunha situación lamentábel. No caso de Pontevedra --espazo que non foi visitado pola misión de investigación-- é coñecida a presenza de vertidos procedentes das balsas de mercurio empregadas por Ence-Elnosa.

Algo semellante ao que acontece na ría de Arousa, onde as mareas vermellas se mesturan co risco inherente ao almacenamento de residuos químicos decorrentes da actividade de Finsa-Foresa. En Foz xa está prohibido o marisqueo debido ás augas fecais e no caso de Muros, a contaminación por salmóns mortos froito dun proxecto acuícola experimental pon en risco esta actividade económica que move no país 68 millóns de euros (dados do 2009) e emprega a 4.000 galeg@s. 

Imaxes da ría de Ferrol (X. Lorenzo)

Comentarios