Estafad@s das preferentes enchen oito carros de comida nun supermercado e lévana ao banco de alimentos de Vigo

En Gondomar, O Rosal, Moaña e Cangas seguen os encerros, que recibiron a visita do líder de AGE, Xosé Manuel Beiras, e catro integrantes desta formación política. Namentres, en Lugo, @s afectad@s advirten de que preparan mobilizacións ''máis contundentes''


Afectad@s pola comercialización das participación preferentes de Novagalicia Banco que fan parte de máis de vinte plataformas da provincia de Pontevedra xuntaron os seus esforzos esta sexta feira para emprender unha acción reivindicativa dentro dun supermercado: encheron até oito carros de comida e entregárona no banco de alimentos de Vigo.

O voceiro da plataforma de Vigo, José Manuel Estévez, explicou que dunha banda pretenden visibilizar a súa situación e continuar a se moveren pola recuperación da totalidade do diñeiro invertido e, da outra, aportar "un gran de area" ás persoas con menos recursos e suxeitas á exclusión social cadrando coas festas. Para este sábado está convocada unha manifestación na cidade olívica.

Seguen os encerros en Gondomar, O Rosal, Moaña e Cangas

As plataformas de afectad@s destes municipios do sur da Galiza continuan cos seus encerros. En Gondomar, o medio cento de persoas que fan parte da protesta transladaron o peche que mantiñan nun caixeiro para o edifio do Concello, dadas as reducidas dimensións do caixeiro e as baixas temperaturas que aturaron nos últimos 18 días.

Xustamente esta ultima noite pasárona acompañad@s por catro membr@s de AGE e recibiron a visita do líder desta formación política, Xosé Manuel Beiras, quen aproveitou a presencia da imprensa para reclamar que xuizas, xuices e fiscais inicien de oficio unha investigación sobre a estafa das participacións, que cualificou de "traxedia". Reclamou Beiras "que entrevisten as vítimas, que falen con elas, porque é evidente que foron enganadas".

Mobilizacións "contundentes" en Lugo

Perto dun centro de afectad@s concentráronse en Lugo diante da sede central de Novagalicia Banco e entraron na sucursal para retirar de maneira ininterrumpida 5 euros das suas contas, coa intención de colapsar o servizo. O voceiro da plataforma, Javier Novo, recoñeceu que "os empregados non teñen a culpa", mais anunciou a intención de seguir protestando "con mobilizacións máis contundentes". Deixou claro tamén que non aceptarán quita ningunha e que non pararán até ver os seus aforros de volta nas contas. 

Comentarios