Dez anos do asasinato de José Couso

Esta segunda feira conmemórase o décimo aniversario do asasinato de José Couso por tropas dos EUA, un crime de guerra aínda por resolver. Documentario Hotel Palestine no interior. 

 

O goberno de George W. Bush definiuno como un 'dano colateral' máis. O asasinato de José Couso computou nas listaxes de falecementos que o exército estadounidense provocou durante a ofensiva desenvolvida en Bagdad en abril de 2003. As tropas ianquis avanzaba na capital do Iraq após semanas de bombardeos nunha operación que violaba en si propia todas as normas e intrumentos xurídicos internacionais. Desde a Carta das Nacións Unidas ás Convencións de Xenebra. 

Dez anos despois da morte do cámara de Telecinco, a Audiencia Nacional continúa a investigar o acontecido aquel 8 de abril no Hotel Palestine. As forzas armadas estadounidenses nunca rexoñeceron a súa morte como un crime de guerra. Porén, si afirmaron seren os responsábeis do disparo que puxo fin á vida deste reporteiro gráfico nado na Galiza. 

A varios quilómetros de distancia, desde o balcón do Hotel Palestine --situado na capital do Iraq-- José Couso cubría a ofensiva militar dos EUA contra o exército de Sadam Hussein. Había días que os mandos estadounidenses bombardeaban a capital iraquiana e encetaran a ofensiva terrestre. Uns tanques da 3ª División de infantería disparaban á outra beira do río. A teimosía do cámara --como tempo despois afirmaría o seu compañeiro Jon sistiaga-- fixo que Couso estivese máis de 20 minutos gravando a operación militar convencido de que o exército iraquiano faría explotar a ponte que unía ambos os dous lados do Trigris para frear --inda que for durante unhas horas-- o avanzo das forzas ocupantes. 

Un asasinato para "evitar que os medios de comunicación puidesen informar"

A súa gravación sería a primeira proba do seu asasinato. No documentario producido por Telecinco e titulado Hotel Palestine, testemuñas daquela xornada relatan como o tanque estadounidense xira de súpeto e dirixe un só disparo frontal contra o hotel onde se hospedaban @s xornalistas. Collin Powell, secretario de Estado dos EUA, recoñecería ese mesmo ano que o goberno estadounidense e, polo tanto, o propio exército dos Estados Unidos coñecían a localización da imprensa. As declaracións dun dos máximos responsábeis do goberno derrubarían as alegacións do presidente Bush e dos altos mandos militares que, a día de hoxe, continúan a defender a súa versión dos feitos. O tanque disparou (segundo os EUA) perante o fogo cruzado que procedía do oitavo piso do Hotel Palestine. Segundo o exército ianqui, un militar iraquiano disparaba desde este enclave --situado a máis dun quilómetro de distancia. As testemuñas aseguran que para alén de non existir ningún francotirador, nen sequera un lanzagranadas podería desprazarse tan lonxe. 

Após estourar en propio voo, o disparo realizado polo tanque bateu conta o piso de enriba do que se atopaba José Couso. No acto, falecería outro reporteiro ucraíno,  Taras Protsyuk. Enriba del, o reporteiro galego ficaría cunha perna desfeita e múltiples feridas por todo o corpo, incluída a cara. A bomba lanzada polo exército dos EUA liberou, após a súa explosión, unha importante cantidade de metralla. Esta sería a causa da morte de José Couso. 

A cumplicidade do goberno Aznar

O goberno de Aznar, aliado dos EUA e un dos homes que acompañaron durante toda a II Guerra do Golfo a George W. Bush, negouse durante os días posteriores a condenar o asasinato que, aliás, nunca chegaron a calificar como tal. Tildaron os acontecementos de "desgraza" e "drama", mais non de crime. O 19 de outubro de 2005 a Audiencia Nacional abriu dilixencias arredor do asasinato de José Couso contra os tres soldados estadounidenses que deron a orde e executaron o disparo que causaría a morte ao xornalista galego e ao ucraíno Protsyuk. A investigación foi arquivada o mes de marzo dese mesmo ano. A familia de Couso presentaria un recurso perante o Tribunal supremo que foi aceptado por unanimidade na máxima instancia e reactivaría a orde de detención contra os tres militares encausados. 

O caso segue aberto unha década despois. O Ministerio fiscal continúa a solicitar o arquivo provisorio da causa, mais o xuíz instrutor estimou as novas probas achegadas pola familia do reporteiro. Os tres soldados foron procesados e continúan imputados dous mandos superiores considerados polo auto do xuíz como executores do asasinato para "evitar que os medios de comunicación puidesen informar". 

É o único xuízo aberto contra marines estadounidenses, no mundo. 

Comentarios