Espazo Ecosocialista fala de “falla de vontade” na consolidación de AGE

“Os últimos acontecementos son a punta do iceberg dun problema máis grande en AGE” Así se manifesta Espazo Ecosocialista nun comunicado no que identifica “dúas visións” que están a ter “dificultades de construción como instrumento político”. Apostan por un acordo con EU para as eleccións europeas. 

Espazo Ecosocialista
photo_camera Espazo Ecosocialista

O comunicado que Espazo Ecosocialista emitiu este sábado despois da xuntanza do Consello Político Nacional que convocou a súa segunda Asemblea centra boa parte do seu texto na análise da situación que atravesa AGE, análise que parten de que está a ter “dificultades de construción coma instrumento político desde a súa constitución como coalición electoral e a súa irrupción no parlamento galego”. 

Dúas visións de AGE

Para a organización liderada por Xoán Ermida e Manolo Dios, os últimos acontecementos que agromaron na coalición “son a punta do iceberg dun problema máis grande en AGE que ten que ver coa falla de vontade da súa consolidación por unha parte da coalición e que se ven amosando na falla de interese en xuntar o CCC, en bloquear a celebración de asembleas unitarias como AGE, impedir aos grupos interactuar xunto coa cidadanía fora do parlamento,….”. As dúas visións que identifican sobre AGE son a que entenden a coalición como “un acordo específico para as autonómicas e mesmo conxuntural”, e a outra, coa que se posicionan, que entende “a unidade da esquerda nacional é un proxecto estratéxico de longo percorrido”. 

Espazo Ecosocialista valorou tamén como positivo o acordo das forzas catalanistas con respecto á pregunta e a data do referendo o que, ao seu ver, “amosa unha transversalidade nacional, superadora de fronteiras ideolóxicas entre nacionalistas e estatalistas”. 

No que definiron como “unha nova etapa na construción da esquerda nacional” deixaron claro a súa vontade de seguir a traballar para ·construír un referente plural da esquerda nacional con aquelas forzas que o queiran facer·. Ratifican, desta maneira, o acordo con Esquerda Unida acadado o pasado 10 de outubro para “coordinación de proxectos de ruptura” e reafirmáronse en que a esquerda “debe avanzar en fórmulas cooperación estratéxica sobre un carácter democrático e nacional”. O CPN de Espazo Ecosocialista acorou desenvolver un acordo con EU consciente da “urxencia de definir programas e candidaturas para as próximas eleccións europeas, entendendo ademais que estamos xa nunha nova etapa na construción da esquerda nacional galega e plural”, anotan. 

Comentarios