Esixen á Xunta que non aplique o copagamento ddo PP medicamentos para leucemia, cancro ou hepatite

A partir de mañá aplicarase en boa parte do Estado o copago imposto polo PP a determinados medicamentos enfermidades como leucemia, cancro de mama ou ril, tumores cerebrais ou hepatite C. Unha concentración na tarde desta segunda feira diante do Hospital de Burela convocada polo BNG reclama que a Xunta non se sume ao repagamento de medicamentos. 

Concentración no Hospital da Costa
photo_camera Concentración no Hospital da Costa

O BNG reclama da Xunta unha posición similar á tomada polos gobernos de Castela León ou Asturias que non aplicarán a resolución do repagamento dos medicamentos para enfermidades como leucemia, cancro de mama, hepatite C ou tumores cerebrais. O vicepresidente da Deputación de Lugo, presente na concentración, denunciou ao PP por non “ter corazón” e poñer en perigo a vida das persoas cos seus recortes. 

Entre os medicamentos que as persoas con enfermidades terán que pagar atópanse  o Afinitor ou  Tyverb  empregados en casos de mama, o Votrient ou Temodal para o tratamento de cancro de ril e tumores cerebrais respectivamente ou tamén remedios para a leucemia, tratamento de tumores malignos, a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite C crónica. Son até 157 presentacións farmacolóxicas que se dispensan a pacientes non hospitalizados nos servizos de farmacia dos hospitais. 

O repagamento de medicamentos impostos polo PP aplicarase en boa parte do Estado Español a partir de mañá mais na Galiza agardarase até finais de ano. “A aprobación por parte do Goberno do Estado dunha Resolución pola que se obriga aos pacientes ambulatorios a afrontar o copago das menciñas que lle son dispensadas na farmacia dos centros hospitalarios significa cruzar todas as liñas vermellas da sanidade” afirmou a voceira comarcal do BNG, Ana Ermida, que anunciou unha “batalla social e institucional sen cuartel” por parte das nacionalistas para paralizar o plano do goberno. 

O BNG demanda do goberno da Xunta que non aplique o copago, da mesma maneira que xa fixeron Asturias, o País Vasco, Andalucía, Castela León, Canarias e Navarra.  “A decisión responde a unha política totalmente antisocial e inxusta, coherente coas formulacións neoliberais, que deixa desprotexidos a pacientes con patoloxías graves ou crónicas que xa pola súa enfermidade teñen o seu poder adquisitivo reducido e que, ademais, xa consumen outros medicamentos sometidos a copago, e que se deixan de tomalos poñen en grave risco a súa vida” sinalou Antonio Veiga.  Pola súa banda, o deputado Cosme Pombo solicitou que a Xunta paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013 pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a aprobación do copagamento. Demandou do Goberno do Estado a derrogación da resolución que establece a obrigatoriedade de achega da persoa usuaria no pago dos medicamentos. 

Comentarios