Esixen ao PP que pase das palabras aos feitos e indulte os e as folguistas

Milleiros de persoas secundan as convocatorias unitarias en toda Galiza para esixiren o indulto xa para Carlos, Serafín, Ana e Tamara e o fin da represión pola defensa dos dereitos laborais. Vídeo no interior.

Manifestación en Vigo
photo_camera Manifestación en Vigo [Imaxes CIG]

Foron milleiros, máis de cinco mil en Vigo, as persoas que responderon á convocatoria unitaria das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT para reclamar de maneira urxente o indulto para Carlos e Serafín, Tamara e Ana, condenad@s por defenderen os dereitos laborais. Esixiron tamén que pare a represión sindical e dirixíronse ao PP para demandar que pase das palabras aos feitos e indulte xa os folguistas. 

O indulto da sentenza que pesa sobre o futuro de Carlos, Serafín, Ana e Tamara foi a esixencia dos milleiros de persoas que participaron na noitiña da segunda feira nas concentracións e manifestacións que se desenvolveron en once vilas e cidades do país e tivo na de Vigo a máis numerosa coa asistencia de máis de cinco mil persoas. 

"Que o PP que sexa consecuente co que votou nos plenos municipais e no Parlamento de Galiza, e faga efectivo o obxectivo desas declaracións institucionais"

“A actuación xudicial, e singularmente o papel da fiscalía, deixan claro que o que se pretendía eran sentenzas exemplarizantes para sufocar a resposta social fronte o saqueo que padecemos en forma de brutal retallamento de dereitos e servizos públicos” sinalaron no manifesto lido na mobilización realizada na cidade olívica, que contou coa participación do secretario xeral da CIG, Xesús Seixo. As marchas que tiveron lugar en diferentes vilas e cidades denunciaron a inxustiza dunha condea de tres anos de cadea por participar nun piquete informativo nunha folga.

"O capital é o criminal"

Cando se indulta con rapidez a banqueiros e empresarios corruptos, a un garda civil que gravou unha agresión sexual a unha muller ou a policías condenados por torturar, o Goberno do PP segue sen dar sinais do indulto que ás catro persoas sentenciadas, unha medida que conta co apoio da sociedade, sinalouse no fin das concentracións. A demora en resolver a situación, que sume nun calvario ás persoas sentenciadas e as súas familias contrasta, segundo denunciaron, coa axilidade do goberno e a xustiza mostrada recentemente en casos como o aforamento para o rei saínte Juan Carlos. 

Solicitudes de indulto que seguen sen resposta “logo de meses de mobilizacións, de milleiros e milleiros de mostras de apoio a estes dous compañeiros e a estas dúas compañeiras, que exemplifican hoxe a toda a clase traballadora que padece nas súas carnes as diferentes formas de represión coa que a golpean;  e das declaracións institucionais unánimes do Parlamento Galego e de numerosos concellos”, destacaron no comunicado no que cualificaron de inxusto e indignante que alguén poida rematar na cadea por defender os dereitos laborais da clase traballadora. 

Que o PP sexa consecuente

“Reclamamos ao Partido Popular que sexa consecuente co que votou nos plenos municipais e no Parlamento de Galiza, e faga efectivo o obxectivo desas declaracións institucionais. Pedimos tamén á Xunta de Galiza que deixe de ollar a outro lado, que non continúe dando as costas a estes compañeiros e compañeiras, e desenvolva todas as accións que sexan necesarias para urxir ao Goberno de Madrid”, esixiuse nunha mobilización na que se deixou claro que é a “decisión política” a que mantén unha incerteza que está a funcionar como unha pena engadida. “Defender os nosos dereitos como clase traballadora non é delito!” berrouse no fin das mobilizacións nas que tamén se sentiu o berro de “O capital é o criminal!”. 

Comentarios